O Concello de Silleda desinfecta todos os colectores do lixo

Silleda, 26 de marzo de 2020.  O Concello de Silleda, dentro das medidas preventivas que se están a adoptar pola crise do COVID 19, vén de iniciar o lavado e desinfección dos colectores de lixo.

Operarios da empresa concesionaria deste servizo esencial, que se continúa prestando con normalidade, están xa a lavar co vehículo específico para este fin os colectores con deterxente clorado. Os traballos comezaron nos dous núcleos urbanos de Silleda e da Bandeira, cos recipientes de carga lateral e iranse extendendo por todo o rural.

Tamén a empresa que se encarga da recollida do vidro está a lavar a desinfectar todas as unidades instaladas.

“Trátase dun servizo básico no que tamén hai que extremar as precaucións”, indica o alcalde, Manuel Cuiña, que indica que os traballos irán chegando progresivamente a todas as parroquias.

Mentres, as labores de desinfección nas rúas continuarán todos os días a partir das 07:00 horas, utilizando o tractor do Concello e a atomizadora cedida, que entre os puntos clave incluirá tamén o entorno da residencia Fogar San Miguel de Ponte.  Tamén se lavaron hoxe as inmediacións de ultramarinos no rural .

Por outra banda, tal e como se informou nada máis coñecer a confirmación diagnóstica, hoxe se detectou o primeiro caso dunha persoa infectada por COVID-19 en Silleda. Trátase dun veciño dunha parroquia do rural que está ingresado nun centro hospitalario de Santiago e que evoluciona favorablemente en planta.

Dende o Concello apélase a prudencia e agradécese tamén á súa familia o “xesto de responsabilidade e xenerosidade por avisar para tomar precaucións”, engade.

Segundo comunicaron, esta persoa participou hai aproximadamente 15 días nunha viaxe do Imserso a Ibiza. A familia avisou no Concello para alertar sobre todo ás persoas coas que coincidiron no traxecto, aínda que no se sabe con  certeza se foi alí onde se contaxiou.

Dende o Concello, que emitiu un comunicado pedindo á veciñanza que siga adoptando as medidas de prevención oportunas e agradecendo o comportamento exemplar da cidadanía,  desexaselle unha pronta recuperación así como moitos ánimos á súa familia e achegados nestes momentos.

“É importante que sigamos mantendo as medidas de prevención e gardando confinamento. O máis importante é que este veciño se recupere canto antes e que consigamos conter na medida do posible a expansión do virus”, engade o alcalde.