O Concello de Silleda e a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaiu agradecen a participación no IV Mes de Apoio ao Pobo Saharaui

-Nas actuacións celebradas recadáronse un total de 1.373,00 euros, que se destinarán ao programa Vacacións en Paz

Silleda, 4 de maio de 2016. O pasado sábado rematou en Silleda o IV Mes Cultural de Axuda ao Pobo Saharaui, co exitoso festival solidario “Por un Sáhara Libre”, presentado polo cantante e escritor galego Xurxo Souto.

Na anterior fin de semana tamén tivo lugar un concerto – teatro para público familiar de Mamá Cabra, un grupo musical pioneiro na creación de espectáculos para a infancia, que presentou “15 primaveras”, o espectáculo co que a compañía celebra o seu 15 aniversario.

Estas dúas iniciativas, organizadas pola asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui en colaboración co Concello de Silleda, acadaron unha recadación de 1.373,00 euros.

Dende o Concello e o colectivo organizador quérese agradecer a participación e colaboración de todas as persoas que acudiron a estes dous eventos culturais programados no pasado mes, e que axudaron a colaborar coa causa saharauí.

A recadación destinarase a financiar as viaxes do programa Vacacións en Paz, grazas ao cal, nenos e nenas saharauís, de entre 8 e 12 anos, que viven no exilio nos campamentos de refuxiados, poden ser acollidos por familias galegas e disfrutar de dous meses de vacacións, afastados das duras condicións de vida no deserto.

Na comarca do Deza volverá a haber tamén familias acolledoras dentro deste programa. Así, segundo explica Pablo Romeo, coordinador da Asociación na comarca, xa están confirmadas unha en Rodeiro, unha en Agolada, 3 en Lalín, e 2 en Silleda.

O Mes Cultural de Axuda ao Pobo Saharaui, que comezou a celebrarse hai xa catro anos en Silleda, vén a complementar outras actuacións solidarias con esta rexión, coma a axuda humanitaria urxente de 1.000 euros, que o Concello de Silleda aportou a finais do ano pasado con motivo das inundacións acaecidas nos campamento.