O Concello de Silleda e Limpezas Secope poñen en marcha Reciclaula, un concurso escolar para fomentar a reciclaxe

Silleda, 13 de maio de 2013. O Concello de Silleda, a través das Concellerías de Educación e Medio Ambiente, e a empresa Limpezas Secope S.A , que realiza a recollida selectiva no municipio, poñen en marcha a iniciativa Reciclaula, un certame escolar que se desenvolverá a vindeira semana, entre os días 20 e 24 de maio.

A empresa, radicada en Ribeira (A Coruña) e adicada á recuperación e valorización de residuos, colocará nos catro centros educativos de Primaria e Secundaria (CEIP de Silleda, CEIP da Bandeira, IES Pintor Colmeiro e Colexio María Inmaculada) colectores de 20 metros cúbidos e big-bags nos vindeiros días para facer a recollida de papel-cartón e plástico-film, respectivamente.

Os colectores estarán durante as cinco xornadas nos centros educativos e o venres 24 de maio ás 16.00 horas retiraranse para levar a pesar o seu contido.  O certame establece un total de 5 premios, por importe total de 3.000 euros, que son aportados por Secope. Os galardóns divíndense en dúas partidas: haberá 2.000 euros repartidos en 4 premios en función da reciclaxe realizada, que se destinarán ás excursións de fin de curso dos centros. Así o colexio que máis material recolla por alumno levará un premio de 1.000 euros, o segundo clasificado 500, o terceiro 300 e o cuarto 200 euros. Ademais haberá un premio especial de 1.000 euros para a creación dunha horta solidaria, que se entregará ao centro gañador. A empresa aportará o material necesario e as sementes polo citado importe. A entrega de premios será o vindeiro venres día 31 de maio.

O ratio para facer as medicións será de kilo/alumno e para as medicións crearase unha comisión con representantes da empresa, do Concello e dos centros educativos.

Esta novidosa iniciativa foi presentada hoxe no Concello pola alcaldesa e concelleira de Educación, Paula Fernández, o concelleiro de Medio Ambiente, Antonio Couso, e Ángela García, de Limpezas Secope S.A.

Banco de alimentos e reunión cos centros

Paula Fernández agradeceu á empresa Secope a súa colaboración no programa e lembrou que  o fomento da reciclaxe, sobre todo entre a poboación máis nova, é un dos obxectivos fixados polo goberno municipal.

Ademais, con respecto á horta solidaria sinalou que, como mínimo o 50 % do que se recolla se destinará ao banco de alimentos do programa Silleda Solidaria. Así mesmo, a rexedora apuntou que “continuando na liña de fomento da interxeneracionalidade trataremos de contar con voluntarios do Clube Social dos Maiores para que lle boten unha mana os centros no coidado da hora, sobre todo en periodo non lectivo”.

A rexedora mantivo esta mesma mañá un encontro con directivos dos 4 centros e con representantes das Anpas, que valoraron positivamente esta iniciativa.

Por parte da empresa, Ángela García amosou a satisfacción de Secope por realizar este primeiro concurso en Silleda, “ un municipio con grandes resultados na recollida selectiva”, dixo . Así mesmo, apuntou que a iniciativa poderá continuar en anos vindeiros e que todos os alumnos dos catro centros terán un pequeño agasallo por participar nesta iniciativa.