O Concello de Silleda ensancha o vial do santuario de Siador

Silleda, 18 de outubro de 2014. O Concello de Silleda está a acometer unha actuación de mellora na pista da parroquia que rodea o santuario da Virxe da Saleta. Esta obra inclúe o ensanchamento do vial nun dos tramos máis próximos á entrada da igrexa da parroquia.

Así, e logo da cesión dos terreos por parte de Roberto Rivas, veciño e benefactor da localidade, procedeuse ao desterre dos terreos para ampliar o vial. O tramo, cos correspondentes drenaxes e recheos en pedra, será rematado nos vindeiros días.

“É unha actuación moi importante, porque se mellora considerablemente as condicións deste acceso”, explica o alcalde, Manuel Cuiña, que visitou os traballos xunto co responsable de Medio Rural e Servizos, Klaus Brey.

A actuación realizada dende o Concello de Silleda inclúe tamén a colocación de tubaxes nas entradas a fincas próximas e as pertinentes canalizacións.

Agradecemento para os veciños

O alcalde fai tamén un agradecemento “moi especial para os veciños e veciñas que colaboraron e traballaron co Concello dende o primeiro día, porque grazas á súa labor foi posible realizar esta obra”, engade e sinala que a colaboración nesta obra foi e “segue sendo exemplar”.

“Os accesos nesta zona do vial, moi transitado tanto por veciños como por visitantes durante a celebración de distintas festas ou xuntanzas, gañarán con esta ambiciosa actuación”, engade o rexedor, explicando que nalgunha parte do tramo a anchura do viario mesmo se duplica respecto ás dimensións existentes.

“Tanto o vial como o entorno do santuario gañan con esta obra”, sinala o alcalde, que agrade a Roberto Rivas a cesión dos terreos necesarios para poder acometer esta mellora.

Nos vindeiros días procederase a dotar de asfalto a nova parte da calzada nesta estrada de Siador.