O Concello de Silleda fai un chamamento ás familias para participar no programa Vacacións en Paz, de acollida de nenos e nenas saharauis

-Os interesados en participar poden informarse no departamento de Servizos Sociais

Silleda, 25 de febreiro de 2016. O Concello de Silleda colaborará, un ano máis, coa organización do programa Vacacións en Paz, de acollida de nenos e nenas saharauis durante o verán. As familias interesadas en participar neste acollemento durante o verán de 2016 poden recibir toda a información e inscribirse no departamento de Servizos Sociais.

 Dende o Concello, quere facerse un chamamento á solidaridade entre os silledenses para participar nesta iniciativa de acollida. “Animamos aos veciños e veciñas a sumarse ao programa, para acoller aos nenos e nenas que viven nos campamentos de refuxiados de Tinduf, en Arxelia, e que grazas a Vacacións en Paz poderán sair do deserto e deixar, por uns meses as duras condicións de vida que teñen que soportar”, sinala a concelleira de Benestar, Pili Peón.

A concelleira lembra que o Concello de Silleda vén colaborando nos últimos anos coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, coa colaboración en actividades como o Mes Cultural de Axuda ao Pobo Saharaui, que se celebrou en Silleda nos últimos dous anos, ou a campaña de recollida e reciclaxe de roupa e calzado usado, cos que se busca financiar precisamente o programa Vacacións en Paz.

Galicia ven participando nesta iniciativa solidaria dende o ano 1991 ofrecendo ás familias saharauis a posibilidade de que as súas fillas e os seus fillos, disfruten dunha estancia agradable, humana e culturalmente rica, baixo a supervisión e os coidados das familias galegas acolledoras.

Ademáis o próximo sábado 27 de febreiro, cúmprese o 40 aniversario da proclamación da República Árabe Saharaui Democrática, motivo polo cal, dende o Concello de Silleda conmemorarase esa data facendo ondear durante todo o día a bandeira saharaui como mostra de solidariedade co pobo Saharaui.