O CONCELLO DE SILLEDA FORMALIZA A VENDA DAS DÚAS PARCELAS MUNICIPAIS DO POLÍGONO ÁREA 33

 

  • A sinatura das escrituras públicas culmina un proceso que permitirá incorporar preto de 192.000 euros para seguir impulsando actuacións vinculadas ao Patrimonio Municipal do Solo

Silleda, 1 de agosto de 2026.- O Concello de Silleda vén de formalizar ante notario a venda das dúas parcelas municipais situadas no polígono empresarial Área 33, culminando así o procedemento de poxa pública iniciado este ano para poñer en valor solo industrial sen uso e favorecer a implantación de novas iniciativas empresariais.

Coa sinatura das escrituras públicas péchase un proceso que se desenvolveu mediante un procedemento aberto e transparente, garantindo os principios de publicidade, concorrencia e libre competencia. As dúas parcelas, integrantes do Patrimonio Municipal do Solo, foron adxudicadas ás ofertas economicamente máis vantaxosas presentadas na poxa pública.

A parcela de 991 metros cadrados foi adquirida pola empresa Coesco Deza S.L.U., cunha oferta de 73.508,83 euros (IVE incluído), mentres que a parcela de 1.551,51 metros cadrados foi adxudicada a Fariña Maquinaria S.L., por un importe de 118.416,65 euros (IVE incluído). En total, a operación supón uns ingresos de 191.925,48 euros, mellorando o prezo base de licitación inicialmente establecido.

A alcaldesa e responsable de Urbanismo, Paula Fernández Pena, destacou que «con esta formalización remata un procedemento que exemplifica a nosa maneira de entender a xestión do patrimonio municipal: transformar recursos que permanecían sen uso en oportunidades para atraer investimento, crear actividade económica e seguir fortalecendo o noso polígono empresarial».

A rexedora lembrou ademais que unha das parcelas vendidas foi posible grazas á Modificación Puntual nº 1 do Plan Xeral, aprobada este mesmo ano, que permitiu reordenar os espazos industriais e as zonas verdes do polígono, resolver conflitos históricos de lindes e xerar unha nova parcela edificable. «Aquel traballo urbanístico permitiunos converter un problema enquistado durante anos nunha oportunidade para o futuro de Silleda, e hoxe vemos os seus primeiros resultados», sinalou.

Pola súa banda, a segunda parcela procedía da cesión realizada ao Concello tras o desenvolvemento da nova fase do polígono empresarial, completando así a posta en valor do patrimonio industrial municipal.

O PXOM, a folla de ruta

Os ingresos obtidos pola venda destas parcelas non serán de libre disposición, senón que, ao formar parte do Patrimonio Municipal do Solo, deberán destinarse aos fins legalmente previstos, como a adquisición e preparación de novo solo, actuacións urbanísticas ou políticas públicas de vivenda, garantindo que os recursos xerados continúen revertendo no desenvolvemento do municipio. “Este goberno ten unha folla de ruta clara, que está definida no PXOM, onde están previstas actuacións para desenvolver solo público, actuacións ásd que poden destinarse estes recursos”, engade.

Fernández Pena subliñou que «cando falamos de boa xestión económica falamos precisamente disto: recuperar patrimonio, poñelo en valor e reinvestir os recursos obtidos para seguir creando oportunidades para Silleda. O solo industrial ten que cumprir a súa función, que é xerar actividade, emprego e riqueza para o noso concello».

Con esta formalización, o Concello dá por concluído un expediente que permitiu activar dúas parcelas municipais que permanecían sen aproveitamento e que, a partir de agora, pasarán a albergar novos proxectos empresariais, contribuíndo ao crecemento económico e á consolidación do polígono Área 33 como un dos principais espazos industriais da comarca.