O Concello de Silleda inclúe na programación do 25-N unha campaña contra a violencia sexista nos locales da hostalería

Silleda, 8 de novembro de 2019.  O Concello de Silleda inclué no calendario de actividades do 25-N unha nova iniciativa no marco da campaña “NON é NON” para levar a cabo un Plan de actuación integral sobre os espazos e tempos de ocio do municipio, de cara a previr e actuar fronte ás agresións sexuais.

Dende o departamento de Igualdade, que dirixe Ángela Troitiño,  a través do Centro de Información á Muller (CIM), estanse a remitir cartas aos locais do sector hostaleiro informando desta campaña, que ten como obxectivo prioritario “comunicar e difundir unha mensaxe clave de prevención do acoso e das agresións sexuais, instando a comportamentos de respeto e recoñecemento de que un non é un non”, engade a concelleira.

Para faciliar información e tamén formar ao personal da hostalería, o vindeiro luns día 11, ás 18:00 horas, terá lugar nas dependencias do CIM, sitas no Centro Social de Silleda, unha sesión dirixida aos membros do sector.

Con esta actividade, o Concello de Silleda continúa amosando o seu rexeitamento a actitudes e comportamentos machistas. O concello de Silleda manifesta o seu rechazo a actitudes e comportamentos machistas e fai un pronunciamento expreso para non tolerar este tipo de actuacións.

Silleda foi ademais un dos primeiros municipios de Galicia que puxo en marcha unha campaña de prevención das agresións sexuais nas festas, co lanzamento en 2018 da campaña NON é NON.

Espazos comprometidos contra as agresións sexistas

Agora os establecementos que se sumen a esta nova iniciativa, amosarán o seu rexeitamento expreso ás actitudes e agresións sexistas mediante a colocación no seu exterior dun distintivo que o identificará como espazo comprometido contra as agresións sexistas.

Os locais dispoñerán ademais de materiais de información e sensibilización para visibilizar a campaña: carteis, vinilos, tarxetas, manteis, pousavasos… e contarán con carteis específicos colocados nos seus cuartos de baño con mensaxes que incidan nas relacións de respecto e bo trato.

Ademais, facilitarán o acceso ao seu persoal á formación en materia de igualdade de oportunidades e actuación ante agresións sexistas e poderán utilizar na súa cartelería e elementos de difusión do establecemento o distintivo que o identifica como espacio comprometido contra as agresións sexistas.

As e os profesionais dos establecementos actuarán do xeito establecido no Protocolo contra as agresións sexuais.

Dende o Concello de Silleda facilitaránse  sesións formativas ao persoal dos establecementos, en materia de igualdade de oportunidades e actuación ante agresións sexistas, co  obxectivo de difundir o Protocolo de Actuación. Tamén se editarán  e proporcionará os materiais  para o desenvolvemento da campaña, se prestará  asesoramento ao persoal do establecemento cando o requira, e se convocarán tamén sesións periódicas para o seguimento do protocolo, ademais de publicitar nas redes sociais os establecementos adheridos á campaña.