Silleda, 17 de abril de 2026. O Concello de Silleda incorporou hoxe ao seu cadro de persoal ás sete persoas contratadas a través da liña 3 do programa Máis Provincia, promovido pola Deputación de Pontevedra. As novas traballadoras e traballadores comezaron esta mañá a súa actividade laboral, destinada ao reforzo de distintos servizos municipais ao longo dos vindeiros 9 meses.
Antes do inicio da xornada, o grupo foi recibido na Casa do Concello pola alcaldesa, Paula Fernández; a concelleira de Persoal, Mónica González; e o encargado de Obras, nun encontro no que se lles deu a benvida e se lles trasladaron as liñas xerais do traballo que desenvolverán durante este período.
As contratacións, a xornada completa e cunha duración de nove meses, realízanse ao abeiro deste programa provincial de fomento do emprego, que permite aos concellos de menos de 50.000 habitantes reforzar a prestación de servizos públicos e, ao mesmo tempo, contribuír á creación de emprego.
No caso de Silleda, incorporouse unha persoa como condutor/a e seis operarios/as para distintos departamentos municipais, co obxectivo de colaborar nas tarefas vinculadas ao plan de conservación e funcionamento de bens e servizos municipais.
A alcaldesa, Paula Fernández, destacou que “un ano máis, este programa permítenos reforzar servizos municipais importantes e ao mesmo tempo ofrecer unha oportunidade laboral a persoas do municipio”. A rexedora sinalou tamén que “a incorporación deste persoal supón un apoio importante para o desenvolvemento de obras, labores de mantemento e outras tarefas necesarias no día a día do Concello”.

