Saber en que contedor debe depositarse un residuo será máis doado en Silleda. O Concello incorporará á aplicación Liña Verde o novo módulo “Onde o tiro?”, un asistente baseado en intelixencia artificial que identificará os refugallos mediante unha fotografía e informará de maneira inmediata sobre o seu destino correcto.
A persoa usuaria só terá que abrir a aplicación, acceder ao botón “Onde o tiro?” e sacar unha fotografía do obxecto sobre o que teña dúbidas. En poucos segundos, o sistema analizará a imaxe e indicará o tipo de residuo, o contedor ou destino correspondente e o aforro estimado de CO₂ que se consegue ao reciclalo correctamente.
A nova ferramenta busca dar resposta a unha situación habitual nos fogares: saber que facer con obxectos compostos por varios materiais, envases pouco comúns ou residuos que non se identifican claramente cun dos contedores de recollida selectiva.
“Moitas veces os erros á hora de reciclar non se producen por falta de vontade, senón porque existen dúbidas reais sobre onde debe ir cada cousa. Con esta ferramenta queremos que a resposta estea ao alcance de calquera persoa cunha simple fotografía”, sinala a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández.
“Onde o tiro?” supón un paso máis na información e capacitación da cidadanía para mellorar a separación dos residuos en orixe. A correcta clasificación nos fogares permite reducir a presenza de impropios nos contedores, recuperar unha maior cantidade de materiais e evitar que residuos reciclables rematen mesturados coa fracción resto.
A alcaldesa destaca que “a tecnoloxía ten que servir para simplificar os pequenos xestos do día a día e facer máis doado que a veciñanza participe no coidado do municipio e do medio ambiente”.
Tres pasos para resolver as dúbidas
O funcionamento do novo asistente será sinxelo. Primeiro, a persoa usuaria deberá descargar ou abrir a aplicación Liña Verde e seleccionar o Concello de Silleda. A continuación, terá que acceder ao botón “Onde o tiro?” e facer unha fotografía do residuo. Finalmente, agardará uns segundos mentres a intelixencia artificial analiza a imaxe e ofrece o resultado.
Ademais de indicar onde debe depositarse o obxecto, o módulo ofrecerá información sobre o tipo de residuo e fará visible o beneficio ambiental da súa correcta reciclaxe mediante unha estimación do CO₂ aforrado.
“Trátase de que a veciñanza poida saír de dúbidas no mesmo momento no que está separando os residuos na casa. Unha ferramenta inmediata e práctica pode evitar moitos erros que despois dificultan o proceso de reciclaxe”, explica o concelleiro de Transición Ecolóxica, Manuel Requeijo.
O Concello acompañará a posta en marcha do novo módulo con accións de información e difusión para explicar o seu funcionamento e promover o uso correcto dos diferentes contedores e sistemas municipais de recollida.
A recollida de enseres poderá solicitarse tamén a través de Liña Verde
A ampliación da aplicación incorpora tamén, como prestación independente, un módulo de “Recollida de residuos” para persoas particulares. Ata o de agora, as solicitudes de recollida puntual de mobles, enseres e outros residuos realizábanse telefónicamente. A partir de agora, a veciñanza poderá continuar empregando esta vía e, ademais, tramitar a petición directamente desde Liña Verde.
Para facelo, a persoa usuaria deberá acceder ao módulo, seleccionar o tipo de recollida que precisa, consultar os criterios establecidos para cada categoría e cubrir os datos solicitados, indicando a localización e o día dispoñible.
Unha vez enviada a petición, o servizo municipal pasará a retirar os residuos na data indicada. Estes deberán depositarse no lugar acordado durante a noite anterior á recollida. O Concello lembra que non deben deixarse apoiados nos contedores nin abandonarse na vía pública sen solicitar previamente a súa retirada.
Esta nova canle non modifica o funcionamento do servizo, pero facilitará a realización das solicitudes a calquera hora e permitirá comunicar desde o móbil a localización e os datos necesarios para organizar a retirada.
“Mantemos a solicitude telefónica e incorporamos unha nova opción para quen prefira realizar a xestión desde o móbil. Trátase de ofrecer máis facilidades á veciñanza e, ao mesmo tempo, recibir a información dunha maneira máis ordenada para poder planificar as recollidas”, sinala o concelleiro Manuel Requeijo.
Horarios e gardas das farmacias locais
Liña Verde incorpora igualmente un terceiro módulo independente para consultar os horarios e as gardas das farmacias de Silleda.
Esta funcionalidade permitirá ter sempre á man a información das farmacias locais e saber cal presta servizo de garda, especialmente durante as fins de semana, os festivos ou fóra do horario habitual.
“É información básica e moi útil cando xorde unha necesidade sanitaria. Incorporala á aplicación permite que a veciñanza poida consultala con rapidez e sen ter que buscar en diferentes canles”, indica Paula Fernández.
Unha aplicación municipal máis completa
O Concello implantou Liña Verde en febreiro de 2024 como unha canle directa de comunicación entre a veciñanza e os servizos municipais. A través da aplicación poden trasladarse incidencias relacionadas coa iluminación pública, a limpeza viaria, o abastecemento e saneamento, os residuos, os parques e xardíns, o equipamento urbano ou o estado dos viarios.
As persoas usuarias poden xeolocalizar a incidencia, achegar fotografías e consultar posteriormente a súa evolución. Ademais, a aplicación permite ao Concello enviar avisos e información de interese xeral.
Co novo módulo “Onde o tiro?” e as prestacións de recollida de enseres e consulta de farmacias, Liña Verde amplía as súas posibilidades como ferramenta de información e de acceso aos servizos municipais.
“O centro desta ampliación é facilitar que a veciñanza recicle mellor, pero aproveitamos tamén a aplicación para incorporar outras prestacións prácticas. Queremos que Liña Verde sexa unha ferramenta cada vez máis útil, próxima e presente na vida diaria das persoas”, conclúe a alcaldesa.
Para utilizar os novos módulos será necesario descargar gratuitamente a aplicación Liña Verde en dispositivos Android ou iOS, seleccionar o Concello de Silleda e acceder ao apartado correspondente
