O Concello de Silleda informa do reparto de subvencións a colectivos culturais, veciñais e deportivos

-A resolución provisional foi aprobada na última en Xunta de Goberno Local e poderá consultarse no taboleiro de anuncios do Concello.

Silleda, 12 de agosto de 2023. O goberno municipal de Silleda vén de aprobar na súa última sesión celebrada onte o reparto das axudas a entidades para a realización de actividades culturais, para entidades deportivas e para aquelas de participación social e/ou veciñal.

En total outorgaranse 101.000 euros nas tres liñas de axuda, destinándose 23.000 euros para as asociacións culturais (as que hai que sumar as aportacións nominativas para as dúas bandas de música, con 20.000 e 15.000 euros respectivamente); 35.000 euros para as asociacións deportivas; e 8.100 euros para as asociacións veciñais e/ou de participación social.

A proposta, coa relación de beneficiarios e a puntuación, quedará exposta ao público no taboleiro de anuncios do Concello e no taboleiro de anuncios da sede electrónica. Esta resolución xa foi comunicada nas últimas horas  tamén aos colectivos, que disporán dun prazo de 10 días (contados a partires da recepción da resolución) para a aceptación da resolución.

A comisión de valoración outorgou unha serie de puntuacións tendo en conta os criterios recollidos nas bases destas tres convocatorias, que foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP de Pontevedra).

  Subvencións culturais e veciñais

Nas subvencións culturais o reparto tamén tivo en conta –tal e como establecen as bases- as necesidades de agrupacións de coro e de baile tradicional no tocante aos gastos de dirección. Así, nesta liña a proposta recolle o seguinte reparto: 3.367 euros para a Coral Polifónica Trasdeza; 1.180 euros para o colectivo Coto do Castelo de Graba; 3.848 para a Asociación Cultural Xirandola; 900 euros para a Asociación Feiral Semana Verde; 2.755 para o Coro Vales Mahía; 1.364 para a ANPA Musiquiños;  3.712 euros para a Asociación Cultural Vista Alegre; 1.024 euros para O  Son da Fervenza; 1.100 para O Cruceiro de Breixa; 1.216 euros para Amigos da Banda de Música de Silleda; 704 euros para a Asociación Sociocultural de Cortegada; e 640 euros respectivamente para a Asociación Mulleres de Silleda, a Asociación de Mulleres Fervenza do Castelo e Gaiteiros A Pereiriña.

No referente á convocatoria de subvencións de carácter veciñal e/ou participación social, o listado de beneficiarios inclúe a Asociación de Veciños de Negreiros, con 483 euros; Copa do Castro, con 758  euros; A Costa de Abades, con 621 euros;  Asociación San Miguel de Lamela, 997 euros; Avecuco de Cortegada, con 1.011 euros; Vilar de Trasdeza, con 1.011 euros; Avema Manduas, con 891 euros; a asociación Santiago Apóstolo de Taboada, con 824 euros; asociación veciñal de Ansemil-Martixe, con 671 euros; e a asociación cultural e veciñal Axóuxere de Fiestras, con outros 966 euros.

  Subvencións deportivas

Na liña das subvencións deportivas concorreron tamén dúas  entidades máis que en 2022. O reparto inclúe a Escola de Fútbol de Silleda con 5.980 euros; o Club de Pesca Deportiva Río Deza con 900 euros; SPD Deza Pádel con 1.940 euros; Sociedade de Caza, Pesca e Tiro de Silleda, con 2.940 euros; Club Deportivo Castillo Ulla-Deza con 900 euros; Club Petanca Bandeira con 2.520 euros; BTT Trasdeza con 2.060 euros; a S.D Bandeira con 6.040 euros; os clubes C.F Laro, C.F. Lamela e S.D Silleda, aos que se outorgan respectivamente 3.480 euros; RG Bikes Scott Team con 800; e para o club Amigos do Fútbol de Silleda e Motos Veteranas do Deza, 240 euros para cada un.

  Subvención nominativa ás bandas de música

Polas súas especiais características de funcionamento e a labor didáctica que realizan, este ano novamente a Banda de Música Municipal de Silleda e a Banda Recreativa e Cultural da Bandeira terán subvención nominativa, sen concorrer cos demais colectivos, con axudas respectivamente de 20.000 e 15.000 euros, que se deben de xustificar con gastos e facturas ao igual que no resto dos casos.

En total todas estas axudas suman máis de 100.000 euros “unha cantidade histórica que ven a reforzar a actividade e a gran dinamización que realizan os colectivos silledenses”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.

Prazo de xustificación

Así, e en canto aos prazos de xustificación, as entidades beneficiarias terán que presentar a documentación, que se colgará na web, e as facturas correspondentes para cobrar estas axudas antes do vindeiro 30 de novembro.

A continuación, adxúntase o documento para a xustificación das subvencións: