O Concello de Silleda inicia a renovación integral da zona de xogos da praza da Igrexa

  • A actuación renovará todos os elementos infantís e transformará a configuración do espazo para integrar a área de xogos co resto da praza
  • As obras, cun investimento de 162.562 euros, inclúen novo pavimento de seguridade, arborado e outras melloras paisaxísticas

Silleda, 4 de agosto de 2026. O Concello de Silleda vén de iniciar as obras de renovación integral da zona de xogos da Praza da Igrexa, unha actuación que permitirá modernizar por completo unha das áreas infantís máis concorridas da vila e mellorar a súa conexión co conxunto da praza.

A intervención contempla a renovación de todos os xogos infantís, coa instalación de novos elementos, así como a transformación da propia configuración do espazo. Para iso, rebaixaranse os niveis da actual área de xogos, eliminando os desniveis e deixando toda a praza nunha única plataforma, coa igrexa como único elemento sobreelevado.

Esta nova disposición permitirá crear un espazo máis amplo, continuo e accesible, facilitando os percorridos e integrando de maneira máis natural a zona infantil co resto da praza.

As obras foron adxudicadas á empresa Construcciones y Obras Taboada Ramos, S.L.U. por un importe total de 162.562,82 euros, IVE incluído. A actuación está financiada ao abeiro da Liña 1 de Investimentos do Plan +Provincia 2025 da Deputación de Pontevedra.

O proxecto inclúe tamén a instalación dun novo pavimento continuo de seguridade e absorción de impactos. Entre as melloras incorporadas pola empresa adxudicataria figura a ampliación deste pavimento ata completar os 278,87 metros cadrados da superficie da área infantil.

As melloras complétanse coa plantación de árbores de gran porte e de distintas unidades de lavanda, reforzando a presenza de vexetación e contribuíndo a crear unha contorna máis agradable e confortable.

“Estamos a falar dunha renovación completa, tanto dos xogos como da configuración do espazo. O obxectivo é gañar en accesibilidade, seguridade e comodidade, pero tamén conseguir que a zona infantil deixe de funcionar como un espazo separado e pase a formar parte plenamente da praza”, sinala a alcaldesa, Paula Fernández Pena, que hoxe visitou os traballos.

Aproveitamento dos xogos actuais

Os elementos que se retiren serán revisados e acondicionados antes de seren reubicados en diferentes espazos públicos do municipio, sempre que cumpran as condicións de seguridade necesarias.

Deste xeito, o Concello prolongará a súa vida útil e evitará desbotar xogos que aínda poden continuar prestando servizo, aplicando criterios de economía circular e aproveitamento responsable dos recursos municipais.

“Renovar non significa necesariamente desbotar. Aqueles elementos que poidan seguir sendo útiles terán unha segunda vida noutros puntos de Silleda, unha vez revisados e preparados adecuadamente”, engade Fernández Pena.

A actuación permitirá así renovar unha das principais zonas de lecer infantil da vila e, ao mesmo tempo, mellorar o conxunto da Praza da Igrexa, avanzando cara a un espazo público máis accesible, verde, seguro e pensado para a convivencia.