O Concello de Silleda inicia as obras de mellora ambiental da Praia Fluvial das Xuntas, en Cira

 

  • A actuación foi adxudicada á empresa Saídres de Trasdeza e conta cunha axuda da Xunta de Galicia de 14.999 euros
    Os traballos céntranse na conservación do mobiliario de madeira, a mellora do valado, a reposición dun panel interpretativo e a plantación de vexetación autóctona
    · A alcaldesa, Paula Fernández, destaca que a intervención permitirá “seguir coidando e poñendo en valor un dos espazos naturais máis singulares do municipio”

Silleda, 7 de xullo de 2026. O Concello de Silleda vén de poñer en marcha as obras de mellora ambiental da Praia Fluvial das Xuntas, situada no lugar de Fucarelos, na parroquia de Cira. A actuación, adxudicada á empresa Saídres de Trasdeza, conta cunha subvención da Xunta de Galicia por importe de 14.999 euros para executar traballos de conservación, mantemento e mellora neste enclave natural.

A intervención desenvolverase ao abeiro das axudas para investimentos vinculados á conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural, así como á sensibilización ecolóxica, en espazos da Rede Natura 2000, parques naturais e reservas da biosfera de Galicia. A convocatoria está cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027.

A Praia Fluvial das Xuntas sitúase dentro da Zona Especial de Conservación Sistema Fluvial Ulla-Deza, integrada na Rede Natura 2000, nunha contorna de grande valor ambiental e paisaxístico marcada pola confluencia dos ríos Deza e Ulla. O proxecto ten como finalidade favorecer a conservación dos valores naturais deste espazo fluvial e garantir un uso público ordenado, seguro e compatible coa protección do medio natural.

As obras inclúen o tratamento e conservación dos elementos de madeira existentes, como mesas, bancos e valado; a reposición das pezas deterioradas dos bancos; a mellora do valado de madeira; a substitución dun panel interpretativo actualmente deteriorado; e a plantación puntual de vexetación autóctona propia dos bosques de ribeira.

O ámbito de intervención corresponde fundamentalmente á zona de pradería e estancia situada xunto á marxe do río Deza, onde se localizan os distintos elementos de uso público existentes. As actuacións teñen un carácter puntual e limitado, centradas na conservación e restauración dos elementos xa existentes, sen modificar a topografía nin realizar movementos de terra significativos.

A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, destaca que o inicio destes traballos “permitirá seguir coidando e poñendo en valor un dos espazos naturais máis fermosos e singulares do municipio, moi querido pola veciñanza de Cira e tamén por moitas persoas que se achegan a esta zona para gozar da contorna dos ríos Deza e Ulla”.

Fernández subliña que a intervención “responde a unha dobre finalidade: mellorar as condicións de uso público da praia fluvial e, ao mesmo tempo, reforzar a conservación dun enclave ambientalmente sensible, integrado na Rede Natura 2000”.

“Falamos dun espazo que require actuacións respectuosas, puntuais e ben planificadas, porque o obxectivo é conservar, recuperar e divulgar os seus valores naturais”, engade a rexedora.

Dende o goberno municipal incídese tamén na importancia de continuar captando fondos doutras administracións para mellorar o patrimonio natural e os espazos públicos do municipio. “Estas axudas permítennos acometer actuacións necesarias en enclaves de gran valor, compatibilizando o desfrute da veciñanza coa protección da biodiversidade e coa posta en valor do noso territorio”, sinala Paula Fernández.

Con esta actuación, o Concello de Silleda busca mellorar a integración paisaxística da Praia Fluvial das Xuntas, reforzar a presenza de vexetación autóctona, promover un uso público ordenado e incrementar a información ambiental dispoñible para as persoas visitantes. A reposición do panel interpretativo permitirá tamén divulgar os valores naturais do Sistema Fluvial Ulla-Deza e da Rede Natura 2000.