O Concello de Silleda inicia o vindeiro mes un programa de atención integral a persoas con Alzhéimer e familias coidadoras

Silleda, 27 de febreiro de 2015. O Concello de Silleda vén de ampliar a súa colaboración coa Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras demencias da provincia de Pontevedra (AFAPO). Así, o alcalde, Manuel Cuiña, e o presidente da entidade, José Manuel Fontenla, asinaron hoxe un convenio para o desenvolvemento dun programa de invervención integral para persoas aqueixadas de Alzhéimer a as familias coidadoras.

O obxectivo é mellorar o estado físico e emocional do coidadaores, así como adestrar capacidades funcionais e cognitivas do enfermo, ademais de asesorar tamén e informar sobre recursos ás familias.

Este programa iniciarase xa o vindeiro día 11 de marzo, con un curso para as familias de enfermos, que se desenvolverá ao longo do vindeiro mes (os mércores) en horario de tarde, de 17.00 a 19.30 horas.

Dende o departamento municipal de Benestar Social xa se está a elaborar unha lista con potenciais beneficiarios destas sesións formativas, cun máximo de 25 participantes. “O curso tamén está aberto a aquelas personas que teñan inquietude sobre esta doenza, pero en caso de que se superen as prazas ofertadas, terán preferencia os familiares”, explica Fontenla. Celebrarase os mércores 11, 18 e 25 de marzo.

Obradoiros de estimulación  cognitiva ata decembro

Tamén o vindeiro mes de marzo comezará o proceso de valoración dos usuarios inscritos nos obradoiros de estimulación para enfermos, en colaboración co departamento municipal de Benestar Social.

Os obradoiros iniciaranse a mediados de abril e continuarán, nas xornadas de martes e xoves, ata o mes de decembro, cun paréntese no mes de agosto, en horario de 10.30 a 12.30 horas. O lugar de celebración será as dependencias da Casa da Xuventude, por cuestións de accesibilidade, onde xa se celebraron actividades similares, tamén da man de Afapo.

“Como xa avanzamos no mes de decembro, cando remataron as sesións celebradas para persoas con Alzheimer dentro da Red Paraguas, dende o Concello de Silleda apostamos con este programa por dar unha mellor atención ás persoas que padecen esta terrible enfermidade, pero tamén aos seus familiares”, explica o alcalde, Manuel Cuiña. No convenio establécese que o Concello de Silleda participa na financiación do programa con unha achega de 4.500 euros.

“A atención aos nosos maiores e dependentes, e neste caso en concreto ás persoas enfermas de Alzhéimer é unha das prioridades deste goberno en materia de política social”, indica o alcalde

Uns 200 veciños/as  afectados en Silleda

Segundo os datos da Afapo, a día de hoxe no municipio de Silleda hai un total de 102 veciños e veciñas que están diagnósticados xa con algún tipo de demencia por parte dos médicos de cabeceira. “Tendo en conta estas cifras, calculamos que hai outros 80 afectados aínda sen diagnosticar, ou que ben estando empezando a acusar os primeiros síntomas da enfermidade”, indica Fontenla.

Cuiña explica que estes datos “xustifican sobradamente que en Silleda se activen programas como este para axudar a mellorar a calidade da vida tanto das persoas enfermas como dos seus familiares”, e lembra que esta atención “dará un paso cualitativo cando por fin poidamos contar coa agardada residencia- Centro de Día para os nosos maiores”, apunta o rexedor.

Colaboración dende o pasado ano

O Concello de Silleda foi un dos municipios seleccionados para formar parte da Rede Paraguas Alzhéimer, da man da Federación de Asociacións Galegas de Enfermos de Alzhéimer, (Fagal) e da Fundación Barrié. Estas sesións xa foron impartidas por personal de Afapo, tamén dirixidas tanto a enfermos como a familiares.

“Por desgracia temos unha alta porcentaxe de beneficiarios de iniciativas como esta que agardamos poida continuar en Silleda para axudar ás familias e aos enfermos”, engade Cuiña, que agradece a Afapo a súa aposta polo municipio.