Dirixidas ao alumnado de Secundaria, as sesións impartidas dende o departamento de Igualdade arrancaron no CPR María Inmaculada e continuarán o luns no IES Pintor Colmeiro, centro no que se instalará un Punto Violeta fixo e unha biblioteca feminista co lema “As Bolboretas”
As actividades enmárcanse no programa do 25-N
O Concello de Silleda vén de poñer en marcha os obradoiros de igualdade “Eu vou comigo”, incluídos na súa programación do 25-N, nos centros educativos do municipio. A concelleira de Benestar e Igualdade, Ángela Troitiño, visitou o alumnado de 2ºESO do CPR María Inmaculada e o vindeiro luns 2 de decembro, reunirase cos mozos e mozas de 3ºESO do IES Pintor Colmeiro. As sesións están impartidas por persoal municipal adscrito ao Centro de Información á Muller (CIM).
Neste último centro instalarase ademais un Punto Violeta fixo, con material e información sobre igualdade. Así mesmo, tamén se procederá á creación dun recuncho específico con libros feministas, que baixo o lema “As Bolboretas”, no marco da campaña realizada este ano con motivo do 25-N, porá a disposición do profesorado e alumnos distintos títulos feministas.
“É importante traballar dende a prevención e con actividades dirixidas á poboación máis nova, para seguir avanzando no plano da igualdade”, remarca a concelleira de Educación e Igualdade, Ángela Troitiño.