O Concello de Silleda inicia traballos de mellora en varios viais da parroquia de Vilar

Silleda,  27 de febreiro de  2019 .  O Concello de Silleda vén de iniciar un proxecto de mellora viaria na parroquia de Vilar. Os traballos comezaron co arranxo dun acceso no lugar de Cabodevila, e continuarán con actuacións noutros 4 viais nos vindeiros días, coa limpeza e asfaltado destes tramos.

A actuación debido ao deficiente estado destos accesos a vivendas era unha vella demanda da asociación veciñal da localidade. As obras foron adxudicadas na última sesión da Xunta de Goberno Local á empresa Míguez Xestoso, por importe de 42.510,93 euros.

“Con esta actuación continuamos apostando pola mellora de accesos e infraestruturas no rural, tal e como vimos facendo dende o Concello”, engade o alcalde, Manuel Cuiña, que visitou o lugar dos traballos.

A actuación nestes 5 accesos de Vilar súmase a outras obras que se están levando a cabo nestes días en distintos puntos do municipio silledense, coma a parroquia de Refoxos, onde se acomete o ensanchamento dun vial e a dotación de aparcadoiro, ou en Lamela, onde ademais do acondicionamento da pista da Brañiña se están levando a cabo melloras no lugar de Liñares, coa maquinaria da Mancomunidade.