O Concello de Silleda iniciará a vindeira semana as obras de renovación da cuberta do pavillón da Bandeira

Silleda, 9 de decembro de 2013. O Concello de Silleda, a través da Concellería de Deportes, que dirixe Klaus Brey, ten previsto iniciar ao longo da vindeira semana os traballos para a substitución da cuberta do pavillón polideportivo da Bandeira. Esta actuación suporá unha inversión de algo máis de 30.000 euros, o dobre do que se prevía inicialmente.

O concelleiro de Deportes, Klaus Brey, explica que se trata dunha actuación moi necesaria e que se aposta pola renovación total da cuberta “para atallar dunha vez por todas as graves deficiencias do teito que veñen provocando dende hai tempo filtracións de auga”, sinala.

Brey lembra que nos orzamentos do presente exercicio se reservara unha partida de 15.000 euros para realizar a mellora da cuberta, “pero debido ao mal estado no que se atopa preferimos agardar para realizar unha obra en condicións. Era unha obra que xa estaba prevista pero que se demorou ao comprobar que as deficiencias eran máis graves das que se tiña constancia”, engade.

O concelleiro de Deportes explica tamén que se aproveitarán as vacacións escolares de Nadal para acometer os traballos, xa que estas dependencias municipiais son utilizadas habitualmente polos alumnos e alumnas do CEIP de Bandeira. Brey xa se puxo en contacto en días pasados coa dirección do centro para informarlle dos plans da concellería.

“Con esta actuación estamos a realizar un grande esforzo inversor que se enmarca na mellora das infraestruturas deportivas polas que vén apostando este goberno municipal”, engade o concelleiro.

Aínda que nun principio se apuntou que se agardaría aos próximos orzamentos municipais para acometer os traballos, o concelleiro de Deportes explica que o mal estado da cuberta apremia a súa renovación.

En canto ás críticas verquidas nos últimos meses polos grupos da oposición respecto ás goteiras do pavillón, Brey advirte que esta obra estaba xa prevista polo executivo municipal, “que actúa con responsabilidade arranxando estas instalacións con unha obra ambiciosa, sen andar a salto de mata poñendo meros parches que á larga só iban encarecer aínda máis os traballos”, engade.