O Concello de Silleda instalará paneis informativos no rural

Silleda, 7 de abril de 2018.  O Concello de Silleda acometerá nos vindeiros meses un proxecto para a instalación de paneis informativos no rural . Para facilitar a comunicación cos veciños e a colocación de avisos ou outras informacións de interese, dende o goberno municipal encargouse un proxecto para acometer esta actuación, cunha inversión total de 32.319,82 euros, que se acometerá con cargo á partida que lle corresponde ao municipio dentro do Plan Concellos.

Esta dotación, xa contemplada no orzamento municipal, consistirá na colocación de preto de 40 paneis cun diseño axeitado e integrado no entorno.

Estes paneis contarán con tellado e cunha estrutura para minimizar o impacto no entorno e a facilitar a súa integración paisaxística.

“Trataremos de instalar estes dispositivos na zona con maior afluencia e visibilidade a fin de facilitar información aos veciños e veciñas “, explica o alcalde, Manuel Cuiña.

Esta iniciativa forma parte das actuacións de mellora no rural que se levan a cabo dende o Concello para dinamizar as parroquias silledenses.