O Concello de Silleda instalará un centro lúdico para os máis cativos na Bandeira

Silleda, 14 de outubro de 2015. O Concello de Silleda dotará nas vindeiras semanas á localidade da Bandeira dun centro lúdico para os máis cativos. Este centro, que se plantexa como unha zona de ocio e xogos, -á que se sumarán actividades puntuais-, ubicarase no Centro Cultural Vista Alegre, nunha das salas da primeira planta do edificio.

Esta iniciativa, enmárcase dentro do Programa Avelaíña, que está a preparar o Concello a través do departamento municipal de Cultura, cunha programación específica dirixida ao público infantil e tamén para as familias.

“Ademais de instalar este centro lúdico na Bandeira, onde a día de hoxe hai moitos nenos pequenos, estamos a ultimar xa o Programa Avelaíña, para ofertar aos nenos e nenas de menor idade e ás súas familias actividades específicas e de interese, que chegarán tanto a este novo centro da Bandeira como á Casa da Xuventude de Silleda, onde se reforzarán as actividades xa programadas ao longo do ano, dinamizando a sala de xogos coa que xa contan estas instalación”, engade a concelleira de Cultura, María José Fernández.

O Programa Avelaíña pretende ser un punto de interrelación entre o Concello de Silleda e as familias con nenos, para atender tanto a demanda a nivel de ocupación do tempo libre como a relacionada con outros temas de interese (saúde infantil, nutrición, educación, desenvolvemento dos nenos…).

“Co novo centro da Bandeira, ao que se dotará de mobiliario nos vindeiros días, buscamos tamén dar un servizo ás familias desta localidade, onde residen a día de hoxe moitos nenos e nenas de corta idade, para acudir con eles en horario do Centro Cultural (de 16.00 a 22.00 horas). Un servizo que xa se ofrece en Silleda a través da Casa da Xuventude”, engade a concelleira de Cultura.