O Concello de Silleda investirá máis de 90.000 euros na mellora de camiños rurais en Bazar, Bandeira e Escuadro

Silleda, 12 de outubro de 2013. O Concello de Silleda acometerá a mellora e varios camiños situados municipais situados en distintos puntos do rural, no marco do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2007-2013, con cargo ao Fondo Europeo (Feder).

O anteproxecto, que se aprobou xa en Xunta de Goberno Local, establece a mellora de camiños rurais en tres localidades: na  Bandeira, Bazar e Escuadro. O orzamento total dos traballos propostos ascende a 90.848,46 euros, cantidade que lle foi outorgada ao municipio a través do citado programa.

“Con esta actuación pretendemos mellorar vías que se atopan moi deterioradas, e que ademais de provocar situacións de inseguridade tamén poden danar aos vehículos que circulan por elas”, sinala o concelleiro de Medio Rural, Klaus Brey. Nas tres obras actuarase dotando os viais con aglomerado en quente, renovando a calzada.

No caso da Bandeira, a actuación prevista pasa pola mellora do tramo que vai dende as inmediacións do centro de saúde da localidade ata a rúa da Empanada. O tramo, de 185 metros de lonxitude, contará con novo aglomerado. Prevese investir neste tramo 9.002,10 euros.

Na parroquia de Escuadro, o anteproxecto contempa o arranxo dun tramo situado no lugar de Outeiro, que tamén presenta grandes deficiencias. Neste caso actuarase sobre un camiño de 600 metros de lonxitude. O custe desta actuación é de 17.655 euros.

No caso de Bazar, actuarase  nun tramo maior, de 1.200 metros de lonxitude, que vai dende o lugar coñecido como Agro de Bazar ata preto da capela de San Caetano.  A actuación é a máis costosa das tres, debido ás características e lonxitude do tramo, con 35.310 euros.

“Agardamos que dende a Xunta se teña en conta esta proposta, xa que estamos a falar dunha inversión moi necesaria nos tres casos, que beneficiará a un grande número de veciños e veciñas”, engade Brey.