O Concello de Silleda lanza unha campaña de promoción do comercio e a hostalería enmarcada no programa Silleda Reactiva

Silleda, 27 de maio de 2020.  O Concello de Silleda lanza estes días a campaña ConSUMAen Silleda, unha iniciativa para a promoción e dinamización tanto do comercio coma da hostalería do municipio. Esta campaña enmarcarase no programa Silleda Reactiva, para impulsar a economía local con distintas medidas encamiñadas a paliar a crise do COVID-19.

O programa botou a andar con axudas directas para establecementos comerciais, hostalería e autonómos e irase implementando con actuacións como esta campaña.

“Temos claro que o noso sector comercial é un dos motores económicos. Por iso queremos lanzar esta campaña agora que xa reabriron a maioría dos establecementos  para fomentar as compras, o consumo no comercio de proximidade e tamén na hostalería e por ende no turismo”, explica o alcalde, Manuel Cuiña.

Cunha imaxe fresca e un deseño chamativo e orixinal editaranse 500 carteis que se repartirán nestes días en todos os establecementos de Silleda que atendan ao público así como 10.000 folletos, cos que tamén se realizará un buzoneo en todo o municipio. A campaña de promoción inclue anuncios en prensa, redes sociais e outras accións que se irán organizando de cara ás vindeiras semanas, sempre tendo en conta as directrices das autoridades sanitarias.

“Esta campaña pretende como dí o lema promocional sumar, crear  sinerxias, valorar as potencialidades a nivel local, revalorizando o noso comercio, hostalería, recursos turísticos… e tamén o noso potencial a nivel cultural”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.

Así, en canto as accións dinamizadoras contarase con artistas e grupos locais á hora de levar a cabo propostas de carácter cultural e de animación nas rúas, cas que se axudará tamén ao sector local da cultura.

Así mesmo tamén se puxo en marcha o certame Silleda Crea na Casa, que ten aberto o prazo ata o vindeiro luns día 1. O concurso, no que poden participar todos os veciños e veciñas de Silleda, premiará debuxos e creación literarias repartindo un total de 2.000 euros en premios, que consistirán en vales de compra para gastar no comercio local.

“Esta campaña enmárcase no programa Silleda Reactiva, cun carácter transversal no que se concentran, xunto coa atención no plano social, todos os esforzos do Concello de Silleda, ademais doutras tarefas preventivas, dende que comezou a pandemia”, engade Cuiña.

Silleda Reactiva botou a andar coa concesión de axudas directas de 800 e 300 euros, das que xa se abonaron máis de 220.

Ademais desta campaña, o Concello colaborará cas accións e propostas de colectivos como ECOS, ao que se deu a coñecer o contido desta campaña nos últimos días.

“Queremos que Silleda sume, que se consuma en Silleda, que a xente valore todo o que temos no noso territorio, para reactivar o noso municipio”, sentencia o alcalde.