O Concello de Silleda levará a pleno unha moción para o restablecemento das presas de Cira

Silleda, 9 de marzo de 2016.  Veciños da parroquia silledense de Cira, afectados polos destrozos nas presas do lugar, reuníronse hoxe co alcalde, Manuel Cuíña, e o concelleiro de Medio Ambiente, Klaus Brey para tentar de buscar solucións á desaparición destas emblemáticas balsas no río Deza.

Logo de escoitar a situación por parte dos prexudicados, o concello comprometeuse a levar a pleno unha moción para pedir á Administración que se restablezan as presas ó seu estado anterior e tamén que se indemnice ós afectados.

O motivo que fundamenta esta decisión é a antigüidade destas tostas, algunha delas centenarias, cun grande valor histórico e patrimonial, como o demostran papeis que atribúen algunha das presas coma a chamada “Do Coto” ó ano 1759, e outra, a de “Martinez”, cunha antigüidade aínda superior. Incluso se ten coñecemento de que algunha delas comunicaba ós concellos de Silleda e Vila de Cruces.