O Concello de Silleda licita as obras de acondicionamento do vial entre Piñeiro e Abades

Silleda, 2 de xullo de 2019.  O Concello de Silleda continúa apostando pola mellora da rede viaria no rural con novas iniciativas. Así, unha das actuacións que se acometará con cargo ao programa de Mellora de Camiños de Titularidade Municipal, cofinanciado a través da Axencia de Desenvolvemento Rural (Agader), será a do vial que une as parroquias de Piñeiro e Abades, que a día de hoxe presenta numerosas deficiencias.

O anuncio de licitación publicouse hoxe no Perfil do Contratante (na web e na sede electrónica do Concello) xunto co prego de condicións e o proxecto.  Tramitarase como procedemento aberto con carácter urxente.

O prazo para presentar as ofertas é de 13 días naturais contados a partir de mañá día 3 (a publicación realizouse hoxe), polo que rematará o vindeiro luns día 15.

A actuación, cun investimento total previsto segundo o proxecto de 101. 568,43 euros, levarase a cabo en dous tramos que suman algo máis de 2 kilómetros de lonxitude.

O primeiro deles é que vai dende o cruce co vial da Deputación EP-6511 (Bandeira-Piñeiro) ata o lugar de Covas, xa na parroquia de Abades, con 1.071 metros de lonxitude. Tamén se arranxará este vial no tramo dende Covas ata a pista que enlaza coa igrexa de Abades.

“É un vial moi transitado e que presenta moitas deficiencias pese a os arranxos puntuais que se levan realizado nos últimos anos”, indica o alcalde, “por iso apostamos por unha mellora integral de todo o trazado ao que dotaremos de aglomerado en quente”, engade o rexedor, Manuel Cuiña.