O Concello de Silleda liquida a débeda con Sogama, con máis de 387.000 euros pagados dende o ano 2013

-Daquela, unha sentenza xudicial obrigou ao concello a abonar a débeda máis intereses, firmándose despois un convenio para o pago con distintos prazos. Esta semana realizouse o último ingreso á entidade
Silleda, 29 de maio de 2021 O Concello de Silleda vén de rematar con outra débeda histórica, a contraída no seu día coa Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama). Esta débeda foi obxecto no ano 2013 dunha sentencia xudicial, que obrigou ao Concello a pagar a débeda pendente, con 387.375 euros, máis intereses de demora.
No plan de pagos establecidos no seu día polo goberno socialista de Silleda, acordouse o abono xa no 2013 dun primeiro pago de 81.261,85 euros, abonándose despois os intereses mensuais e varias cuotas de amortización cada ano que rondaron os 14.000 euros cada unha. A última destas cuotas abonouse o pasado mércores.
“Vimos de rematar con outro lastre histórico nas contas de Silleda”, indica o alcalde e responsable municipal de Facenda, Manuel Cuiña, “un dos moitos que herdamos no seu día e que conseguimos agora liquidar tamén”, engade.
Esta liquidación da débeda con Sogama (nos últimos 3 anos abonáronse 356.297,12 euros) súmase á recente cancelación dos créditos do plan de pago a proveedores, con máis de 1,2 millóns de euros abonados.
No caso da cancelación con Sogama, os recursos públicos destinados a pagar esa débeda histórica son máis, xa que durante o primeiro mandato do goberno socialista comezaron xa a pagarse facturas atrasadas, se ben co goberno resultante da moción de censura eses pagos volveron a interrumpirse.
A demanda de Sogama que deu lugar no ano 2013 á sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Pontevedra correspondía a pagos pendentes de anos anteriores ao 2007, así como a facturas dos anos 2009, 2010 e 2011, xunto cos correspondentes intereses de demora.
Tal e como se recollía na sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo Nº 1 de Pontevedra, o contrato do Concello de Silleda con Sogama firmouse en febreiro do ano 1999, para o tratamento dos residuos procedentes da recollida de lixo.
En novembro de 2004, pasados xa cinco anos e sen que o Concello abonara ata entón ningunha factura, o goberno municipal daquela co Partido Popular, asinou un convenio coa entidade que supoñía o pago fraccionado de 6.000 euros ao mes, para saldar os 430.000 euros pendentes daquela por impagos dende o ano 1999.
Un ano despois, o Concello volveu a deixar de pagar e Sogama iniciou un procedemento xudicial para reclamar parte de esa débeda en maio de 2006, por importe de 75.389,43 euros.
En febreiro de 2007, renegociouse a débeda a tan só tres meses das eleccións municipais. Acordouse entón que deberían pagarse 410.000 € en mesualidades de 9.000 euros, sen nin tan sequera conseguir que Sogama retirase a demanda anterior.
E os xulgados comezaron a darlle a razón a Sogama por impagos continuados. Así, en setembro de 2007 unha primeira sentenza condenou ao Concello a abonar esos 75.389,43 euros máis intereses.
No ano 2007, xa co goberno socialista comezouse a facer fronte a esta sentencia ademais de abonar outros 255.000 euros da débeda recollida no convenio asinado con Sogama, e deixando pagado o servizo de todo o ano 2007, 2008 e parte do 2009.
Só restaban entón 155.000 euros por pagar, unha cantidade que foi engrosándose ao deixar de abonar de novo as cuotas.
“Hoxe decimos adeus a esta débeda e a outras que viñan lastrando a capacidade inversora do Concello. Cabe preguntarse porqué neste caso cando falamos dunha entidade com Sogama, non se abonaban os pagos se se seguiron cobrando as taxas aos veciños de Silleda”, engade Cuiña.
As 5 últimas coutas do pago fixéronse neste exercicio de 2021, abonándose a Sogama 28.851,25 euros no mes de xaneiro, e 14.180,290 euros respectivamente dende febreiro ata este mes de maio.