O Concello de Silleda liquida unha débeda de máis de 57.000 euros por unha expropiación do ano 1990

-Trátase do pago dos intereses do litixio pola expropiación dunha finca para a apertura da rúa Emilio Alonso Paz

-Cuíña lamenta que pese as sentenzas en firme sobre este pago non se fixera efectivo antes, entrañando un alto custe en intereses

Silleda, 9 de marzo de 2016.  O Concello de Silleda ven de liquidar a débeda histórica cos herdeiros de Luís Lázara Órrea, familia á que se lle expropiou unha finca no ano 1990 para a apertura da rúa Emilio Alonso Paz. Daquela, os propietarios ao non estar de acordo coa taxación do terreo acudiron ao xustiprezo, resolvendo o Xurado Provincial de Expropiacións no ano 1995 e ditando sentenza firme o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia o 29 de setembro de 1998, onde se fixaba un prezo de 42.242,61 euros.

Esta sentenza foi recorrida ó Tribunal Supremo, aínda que non foi admitida, co cal dende o ano 2001 había unha obriga de pago que nin a familia executou, nin o goberno municipal, por aquel entón do PP, asumiu.

Este primeiro pago fíxose efectivo o pasado ano, despois dun requirimento do TSXG, con imposición de multas coercitivas, xa que non só non se pagara o xustiprezo, senón que tampouco o Concello atendera os requerimentos do Tribunal ó longo dos últimos anos.

No día de hoxe procedeuse á liquidación de 57.218,19 euros, en concepto de intereses, dende o inicio do proceso ata o presente, quedando así cerrado este litixio máis de 25 anos despois.

“É incrible que tiveran que pasar máis de 25 anos para que se resolva este proceso”, comenta o alcalde, Manuel Cuíña, que atribúe o caso ó “triste e longo historial de impagos de corporacións anteriores”.

“Lamento que a familia Lázara non obrase en consecuencia cando tiveron a sentenza en firme, e non houbese solicitado a execución da mesma, o que entrañou que se pagase máis cantidade de intereses ca pola propia expropiación, ocasionando así un grave dano ás arcas municipais, e saíndo prexudicados todos os silledenses”, engade o rexedor.