O Concello de Silleda negocia con Telefónica o traslado da centraliña da Casa da Xuventude

Silleda, 28 de xaneiro de 2015. O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, mantivo un encontro con responsables de Telefónica España para abordar a situación da centraliña que esta firma de comunicacións ten instalada na Casa da Xuventude de Silleda.

“O que pretendemos é que esta instalación, que leva ahí 40 anos,  sexa retirada deste edificio municipal que é un espacio de ocio e lecer”, sinala o alcalde, advertindo ademais dos trastornos que supón o acceso do persoal técnico a este recinto cando hai averías.

O alcalde lembra que no contrato asinado no seu día establecíase que a empresa debía de pagar ao Concello un aluguer de 400 pesetas anuais. “Pese a ser unha cantidade irrisoria, a empresa só abonou o primeiro ano”, explica.

Deste xeito, a día de hoxe, Telefónica débelle ás arcas municipais de Silleda preto de 12.000 euros polos sucesivos impagos. Hai varios meses, en xuño do pasao ano, a Xunta de Goberno local acordou instar á empresa a solventar a situación. Así, daquela remitíuselle un primeiro requerimento informando de que se rescindiría o contrato a partir deste ano, “requerimento do que non tivemos resposta”, engade o alcalde.

Así as cousas, dende o Concello remitiuse a Telefónica un segundo requerimento, ao que seguiu esta reunión.

“Á vista disto dende o Concello consideramos que estamos no dereito de esixirlles que se retiren deste edificio ou no seu caso que compense ao pobo de Silleda con unha importante contraprestación”, indica o alcalde.

Con esta reunión ábrese pois un periodo de negociacións para tratar de solventar esta situación que se vén alongando no tempo.