O Concello de Silleda oferta un curso de Break Dance para os meses de verán

-A actividade ofertarase mediante un acordo de adhesión do concello co programa “DepoRúARTE 2016” da Deputación de Pontevedra

Silleda, 1 de xuño de 2016.  O Concello de Silleda, dende a Concellería de Xuventude, que dirixe Aida Castro, ven de adherirse ao programa de dinamización xuvenil “DepoRúARTE” da Deputación de Pontevedra, que ten por finalidade levar a cabo actividades educativas e de lecer que atendan as demandas do colectivo xuvenil.

Mediante este programa o concello ofertará un curso gratuíto de Break Dance durante os meses de xullo e agosto de este ano, dirixido a mozos e mozas de entre 14 e 30 anos empadroados no municipio.

Os interesados poderán inscribirse durante todo o mes de xuño no Concello ou na Casa da Xuventude. Existe un mínimo de 20 inscritos para a actividade, de non acadalos, o curso non se levaría a cabo.

As datas para a realización do curso non están confirmadas, pero prevese que teña lugar entre a segunda quincena do mes de xullo e a primeira de agosto, entre as 20:00 e as 22:00 horas, no Pavillón Municipal César González Fares de Silleda.