O Concello de Silleda outorga axudas a 15 alumnos/as para a compra de material escolar e libros de texto

Silleda, 25 de decembro de 2013. O Concello de Silleda, a través da Concellería de Educación, que dirixe Pilar Peón, vén de asinar axudas para un total de 15  alumnos e alumnas do municipio, pertencentes a familias con escasos recursos, para a compra de libros de texto e material escolar

Así, outorgáronse en Primaria e Secundaria axudas a 7 nenos de 5 familias e en Infantil a 8 nenos/as doutras 7 famlias. En total destinaronse a esta acción 979,83 euros, procedentes da recadación dos parquins solidarios instalados durante a feira Semana Verde, o pasado mes de xuño. Tal e como se anunciou no seu día, estes fondos destinaranse ao arranxo da casa da estación de Taboada e a outras liñas de actuación do programa Silleda Solidaria (compra de alimentos, libros, material escolar…).

“Grazas a estes fondos conseguimos que estes 15 alumnos e alumnas poidan contar con unha axuda para o presente curso académico”, sinala Pilar Peón. “A nefasta xestión que está a facer o PP da Educación neste país fai que as axudas autonómicas sexan a todas luces insuficientes e en moitos casos, como os que estamos a ver en Silleda, poñen ás familias en situacións límite”, engade. “Por iso, dende o goberno municipal habilitamos estas axudas para facer máis levadeiro este gasto que teñen que afrontar as familias cada ano”.

Dos 12.839,28 euros recadados nos parquins solidarios en total,  houbo que detraer gastos de loxística e personal, quedando a cantidade en 8.939,58 euros.

Logo do reparto destas axudas, os fondos sitúanse en 7.959,75 euros. Un dos principais destinos destes fondos, como xa se avanzou, será a habilitación da casa central da estación de Ponte Taboada, na que xa se comenzaron a facer os primeiros arranxos.