O Concello de Silleda, pechado perimetralmente de novo a partir do xoves

-Os casos superan hoxe martes os 70. O alcalde, Manuel Cuiña, sostén que a situación segue sendo preocupante polo aumento vertixinoso dos contaxios

 Silleda, 19 de xaneiro de 2020.  O Concello de Silleda entrará este xoves xunto con outros máis de 50 municipios galegos no nivel máximo de restriccións para frear a expansión da Covid-19, según se avanzou hoxe dende a Consellería de Sanidade a proposta do Comité Clínico do Sergas.

Así, dende o xoves Silleda volverá a estar pechada por segunda vez (a primeira foi dende o 7 de novembro ata o 12 de decembro) de xeito perimetral, non podendose entrar ou sair salvo por causa xustificada (traballo, estudos, citas médicas ou coidado de dependentes).

Así mesmo, os establecementos de hostalería non poderán usar o interior, tendo ademais o aforo limitado no exterior ao 50%.

“A situación é preocupante porque en Silleda emperou a incidencia do virus a pasos axigantados, aínda que a situación se está a trasladar a moitos territorios”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.

O rexedor advirte que a entrada ao máximo nivel de restriccións supora o peche “de facto” para a hostalería do municipio, un sector “que é sen dúbidas o máis afectado xa que dende o inicio da pandemia nunca volveu a traballar en condicións normais”, engade.

Cuiña agarda que se habiliten axudas en condicións “e acordes aos danos que están a sufrir”.

En canto á solicitude do cribado para Silleda, logo de contactar cos responsables da xerencia sanitaria, sinala que “somos conscientes de que a día de hoxe hai moitos municipios que están como Silleda e mesmo peor, polo que sería complicado facer PCR a todos, pero agardamos que os test de antíxenos, con resultados fiables e en 15 minutos, se fagan nos centros de saúde e axuden a controlar a pandemia”, engade.

Cuiña, que participará nas próximas horas nunha xuntanza telemática cos responsables sanitarios, apela de novo á responsabilidade para tratar de atallar os contaxios, lembrando que dende o pasado venres en Silleda xa se suprimiron as actividades municipais consideradas non esenciais como medida preventiva.

Hoxe martes, logo dos 7 positivos detectados nas últimas 24 horas, Silleda supera xa os 70 casos activos, tendo ademais unha persoa hospitalizada en UCI. “Desexamos unha pronta e satisfactoria recuperación a todas as persoas que están a sufrir esta enfermidade”, engade.