O Concello de Silleda pon a disposición da Asociación de Veciños Olaia unha parte das parcelas de Ponte destinadas ao Centro Agrario

-Esta decisión tomouse onte pola tarde, nunha reunión que mantivo o rexedor con membros da Asociación.

-Terá como finalidade o dividila en parcelas máis pequenas e cederllas a veciños que as precisen e así o soliciten.

Silleda, 27 de abril de 2016.  O alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, ven de reunirse na tarde de onte con membros da Asociación de Veciños Olaia, quen lle expuxeron ao rexedor todas aquelas cuestións pendentes de solucionar no pobo.

Nunha xuntanza de dúas horas de duración tratáronse temas coma o da mellora da seguridade viaria, para a que se estudarán medidas coma a petición de rebaixar a velocidade, modificación de pasos de peóns, e mesmo sinalizacións luminosas en zoas conflitivas.

Outras das cuestións tratadas foi a sinalización tanto das rúas do núcleo urbano, coma a de zonas de alto interese turístico do municipio. O rexedor apuntou que se está a agardar á resolución dunha subvención para este fin, co que se espera solucionar esta situación en próximas datas.

Tamén se informou á Asociación de temas coma a limpeza de solares, ou da débeda reclamada pola empresa Espina & Delfín ao concello, que está en trámites de iniciarse a súa negociación na vindeira semana.

Logo de que os membros de Olaia se interesaran polo proxecto do Centro Agrario posto en marcha polo concello, e da posibilidade de facer hortos urbanos por parte dos veciños, acordouse que o Concello de Silleda adecuará e porá a disposición da Asociación de Veciños 5000 metros cadrados da parcela municipal situada en Ponte e que tamén funcionará como centro de cultivos experimentais.

A finalidade é a de subdividila en outras de 500 metros e poñelas a disposición de veciños que non dispoñan de fincas propias e que as soliciten para poder ter un horto onde abastecer a súa cociña.

A xestión directa desta parcela corresponderá integramente á Asociación Olaia.