O Concello de Silleda pon a disposición das familias que o precisen un servizo gratuito para descargar e imprimir as tarefas escolares

Silleda, 25 de marzo de 2020.  O Concello de Silleda pon en marcha a partir de mañá un servizo para que as familias que precisen imprimir ou descargar as tarefas e traballos escolares que se están a remitir dende os centros de ensino. “Esta crise tamén deixa ao descuberto outras desigualdades, así que conscientes de que non todo o mundo ten acceso a Internet, ou unha impresora para imprimir os traballos que se envían, dende o Concello poñémonos a disposición das familias para ofrecer este servizo de xeito gratuito”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.

Todos aqueles que o desexen poden chamar ao Concello (de 09:00 a 13:00 horas) ao teléfono 986 580000, ou ben se poden enviar un mail a info@silleda.gal. Unha vez impreso acordarase cos usuarios a forma de entrega, para realizala de xeito o máis seguro posible.

Limpeza das rúas, ás 07:00 horas

Por outra banda, as tarefas de limpeza e desinfección viaria intensificanse dende a xornada de hoxe grazas á destacadísima colaboración de dúas empresas locais. Os operarios municipais xa comezaron a utilizar hoxe a máquina atomizadora de gran capacidade (cun depósito de 400 litros) cedida por Hermanos Villar, e que comezará a traballar ás 07:00 horas utilizando o gel desinfectante que aporta Disiclín, cunha doazón de 1.000 litros diarios. O gran radio de dispersión do líquido nebulizado permite axilizar estes traballos.

“Grazas á excepcional colaboración destas dúas empresas poderemos axilizar as tarefas de desinfección nas rúas e en zonas coma os centros de saúde e as inmediacións da residencia de maiores, centros onde se aplicará o tratamento de forma diaria”, indica Cuiña, que agradece todas as aportacións que están a realizar comercios, empresas e particulares do municipio silledense para loitar na prevención.

Tamén na xornada se hoxe se procedeu a desinfectar as inmediacións das tendas de ultramarinos situadas en varios puntos do rural.