O Concello de Silleda pon en marcha a segunda campaña da recollida de plásticos agrícolas do ano

Silleda, 9 de outubro de 2023. O Concello de Silleda porá en marcha nas vindeiras semanas a que será a segunda fase do ano da Campaña de recollida de plásticos agrícolas e invernadoiros de 2023, un servizo gratuíto para as explotacións do municipio.

A campaña, organizada dende os departamentos de Medio Ambiente e Medio Rural, que dirixen respectivamente Paula Fernández e Jesús Taboada, está prevista que se execute na semana do 23 ao 27 de outubro por parte da UTE Silleda Sostible.

As persoas interesadas en dispoñer deste servizo de recollida porta a porta, deben chamar ao número 900 909 744, en horario de 08:00 a 13:00 horas, todos os días agás fins de semana. Deben indicar nome, enderezo, teléfono e ubicación dos plásticos. As solicitudes recolleranse ata o xoves 19 de outubro.

Así mesmo lémbrase que só se recollerán plásticos agrícolas e de invernadoiro, que hai que evitar metelos en sacas big-bag que dificultan o proceso de reciclado e que estes fardos deberán ter a menor suciedade posible. Non poderán conter outras materias impropias como garrafas, fíos de empacar, rodas, tubaxes de PVC, e ser depositados nun lugar libre de obstáculos, coma árbores, maquinaria etc. para facilitar a retirada.

Esta será a décimo sexta edición desta campaña de recollida de plásticos, que se realiza en Silleda dúas veces ao ano, en primavera e no outono. Está previsto que nos vindeiros días se coloquen bandos informativos para a veciñanza.

As campañas que se realizan en Silleda dende hai xa máis de 15 anos son todo un éxito, cunha retirada destes elementos contaminantes moi significativa.