O Concello de Silleda pon en marcha HERA, un espazo de encontro sobre educación familiar

Silleda, 27 de xaneiro de 2020.  O Concello de Silleda a través do departamento de Benestar e Educación pon en marcha o programa HERA, unha iniciativa con distintas actuacións en materia de educación familiar.

Ao longo do mes de febreiro realizaránse distintas actividades dirixidas a todo o público que esté interesado. Así o vindeiro luns día 3 comezará na Casa da Cultura (en horario de 10:00 a 13:00 horas) o módulo sobre Xestión económica doméstica, que ten como obxectivo acadar unha xestión adecuada dos ingresos e gastos do núcleo familiar facendo unha correcta distribución dos primeiros, permitindo así a satisfacción das súas necesidades materiais, atendendo a aspectos fundamentais do desenvolvemento, como alimentos, roupa ou vivenda.

Trataránse temas coma a organización de tarefas domésticas, a corresponsabilidade como ferramenta no reparto das mesmas, tipo de gastos, ecoloxía doméstica e consumo responsable e tamén se darán pautas para o aforro.

Este módulo continuará os días 6 e 10 de febreiro.

A outra liña de actuación do programa HERA, coordinado pola Educadora Social do Concello, será a posta en marcha dunha Escola de Pais/Nais/Proxenitores, co obxectivo de fortalecer o papel referencial e potenciar a comunicación e as habilidade sociais para favorecer unha boa relación familiar, e a adquisición de pautas saudables de dinámica familiar. O uso das novas tecnoloxías na infancia, estilos e pautas educativas, comunicación positiva cos fillos e fillas, ou os valores como eido natural da educación parental estarán presentes nas sesión, a celebrar os días 13, 17, 20 e 27 de febreiro.

Todas as persoas interesadas en participar poden recibir máis información e inscribirse no Centro Social ou chamando ao 986 592037. O programa é gratuito.