O Concello de Silleda pon en marcha iniciativas para a promoción da hostalería

– O departamento de Promoción Económica está a actualizar os datos dos negocios da hostalería da web municipal e difundirá a mesma nos distintos eventos que se celebren no municipio

– Será preciso cubrir unha ficha, que se lles remitirá aos hostaleiros dende o concello

Silleda, 5 de outubro de 2023-. O Concello de Silleda nos próximos días levará a cabo unha campaña de promoción da hostalería local. Así, xa se está a iniciar a actualización da información dos negocios locais que se adican á hostalería co obxectivo de actualizar a páxina web e ofrecer á cidadanía datos de interese e acordes co momento presente.

Esta iniciativa, posta en marcha dende a concellería de Promoción Económica, suporá un beneficio para o turismo da zona, xa que tanto a poboación natural de Silleda como a xente que está de paso ou visita o municipio poderá saber onde comer e aloxarse.

Ademais de actualizar a web do concello, outra proposta é o deseño e elaboración de folletos promocionais, que levarán tamén un código QR impreso para acceder aos datos actuais da hostalería, e que se porán a disposición da cidadanía cando se realicen eventos no municipio (Feira Semana Verde de Galicia, oposicións, festivais de música, festas gastronómicas, probas deportivas…).

Dende o concello remitirase aos hostaleiros a ficha para cubrir os datos que se requiren para actualizar a páxina web. Tanto a ficha como as fotografías, unha do exterior do local e outra do interior, terán que enviarse á dirección de correo comunicacion@silleda.gal.

“Con esta iniciativa non só actualizamos os datos que figuran na web municipal senón que contribuímos a dinamizar o sector hostaleiro e turístico cunha maior difusión da oferta”, explica o alcalde, Manuel Cuiña.