O Concello de Silleda pon en marcha o programa Anduriña, con clases de español para inmigrantes

Silleda,  11 de febreiro de  2019.  O Concello de Silleda inicia este mércores día 13 as clases de español para inmigrantes, no marco do Programa Anduriña, que coordina o departamento de Educación Social.

As sesións terán lugar todos os mércores e venres, na Casa da Xuventude, en hroario de 10:30 a 12:30 horas e prolongaránse  ata o vindeiro mes de xuño. As clases son gratuítas e a día de hoxe hai xa 10 participantes. Aínda quedan prazas e as persoas que o desexen poden inscribirse dirixíndose ao departamento de Benestar Social ou ben achegándose directamente á Casa da Xuventude no horario das sesións.

O programa Anduriña, de alfabetización e integración cultural para a poboación inmigrante, ten como obxectivos xerais o impulsdo da aprendizaxe da lingua española e a promoción e adquisición de coñecementos sobre a cultura española e galega.

Entre os obxectivos específicos figuran que os inmigrantes acaden unhas competencias lingüísticas base na lingua (oral e escrita), o fomento de habilidades sociais, ou o dar unha resposta educativa de acordo as necesidades presentadas por cada usuario de xeito individual, tendo en conta o seu nivel académico.

O municipio de Silleda conta a día de hoxe con máis de 800 veciños procedentes de distintos países, o que representa case un 10 % da poboación.

“Cremos que este programa axudará ás persoas que chegan a residir ao noso municipio procedentes de países extranxeiros e que non coñecen ben a nosa língua, a familiarizarse co idioma e mellorar as súa habilidades de comunicación”, indica a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Pili Peón.