O Concello de Silleda pon en marcha un servizo gratuito de recollida de enseres a domicilio

Silleda, 28 de febreiro de 2019.  O Concello de Silleda poñerá en marcha un servizo gratuito para a recollida de enseres a domicilio a partir do mes de marzo. A falta de concretar detalles  nos vindeiros días, o servizo realizarase unha vez á semana de xeito totalmente gratuito para as persoas usuarias residentes no termo municipal de Silleda.

Establecerase unha liña de teléfono, tamén gratuita, para que os usuarios soliciten a recollida, que realizará a empresa adxudicataria do servizo de recollida de lixo, Urbaser. Un equipo formado por un conductor dun furgón habilitado ao efecto e un peón participarán nestas tarefas.

Trátase dun servizo moi demandado pola veciñanza, que xa exisitiu no seu día, -aínda que con menor periodicidade- e que agora “podemos retormar en mellores condicións grazas en boa medida á situación das arcas municipais, que nos permiten poder ofrecer máis e mellores servizos públicos”, engade o alcalde, Manuel Cuiña.

Así mesmo, Cuiña sinala que este novo servizo supón “unha importante mellora e un paso máis na xestión de residuos no municipio de Silleda evitando a acumulación con esta recollida porta a porta”, engade. “Non só estaremos poñendo a disposición dos particulares un servizo para que poidan desfacerse de mobles, electrodomésticos, colchóns e outros voluminosos que serán trasladados ao Punto Limpo, senon tamén evitando a proliferación de vertedoiros incontrolados, que por desgracia, pese a existencia das citadas instalacións e a obriga que temos de levar residuos alí, seguen existindo”, engade.

Dende o Concello de Silleda agárdase que este novo servizo, do que na vindeira semana se darán a coñecer máis detalles, contribúa a mellorar a xestión de residuos no municipio, “onde xa se deron pasos moi destacados nesta lexislatura coa regularización do servizo, ou a implantación da recollida selectiva para envases lixeiros en todo o rural”, engade o rexedor.