O Concello de Silleda pon en servizo a primeira fase da extensión da rede de abastecemento á parroquia de Lamela

  • A veciñanza de Souto, Santa Cristina e parte do lugar da Peroxa, xa pode conectarse á traída municipal de augas
  • A actuación, executada con medios propios e co apoio da Mancomunidade Terras do Deza, permite incorporar novos núcleos rurais ao servizo municipal

Silleda, 22 de setembro de 2026. A veciñanza dos lugares de Souto, Santa Cristina e parte da Peroxa, na parroquia de Lamela, xa pode realizar as conexións á traída municipal de augas, unha vez completados os traballos correspondentes á primeira fase da extensión da rede de abastecemento nesta zona.

O Concello de Silleda iniciara o pasado mes de xuño esta actuación, que permitiu prolongar a rede desde Maceira Boa, na Bandeira, ata a parroquia de Lamela, avanzando progresivamente polos distintos núcleos incluídos nesta primeira fase.

Os traballos foron executados fundamentalmente con medios propios municipais, contando tamén coa colaboración da Mancomunidade Terras do Deza, que apoiou as tarefas de apertura de gabias e extensión da tubaxe xunto co persoal municipal do servizo de augas.

Coa posta en servizo deste novo tramo, os inmobles situados nas zonas xa cubertas pola rede en Souto, Santa Cristina e parte da Peroxa poden iniciar os trámites necesarios para realizar a súa acometida e conectarse ao abastecemento municipal.

A alcaldesa e responsable de Obras, Paula Fernández, destaca que “chegamos agora ao momento máis importante desta actuación, que é que a veciñanza poida beneficiarse xa dun servizo básico como é o abastecemento municipal de auga”.

Fernández lembra que “a extensión da traída ao rural é un proceso progresivo e complexo, especialmente nun concello coa dispersión territorial de Silleda, pero seguimos avanzando núcleo a núcleo e aproveitando ao máximo os recursos municipais”.

A rexedora pon tamén en valor o traballo desenvolvido polo persoal municipal e pola Mancomunidade Terras do Deza, “que permitiu executar unha actuación moi necesaria optimizando medios e reducindo custos”.

Esta primeira fase da extensión á parroquia de Lamela dá continuidade á política municipal de ampliación progresiva da rede de abastecemento, que nos últimos anos permitiu levar a traída municipal a novos puntos do territorio.

Entre eles figuran localidades como Taboada, Cortegada, Toxa, Saídres, O Castro, Rellas e Sachocos, así como actuacións máis recentes en zonas próximas aos cascos urbanos como Chapa e Ponte.

“O noso obxectivo segue sendo que cada vez máis veciños e veciñas do rural poidan dispoñer dun abastecemento público, seguro e de calidade”, sinala Paula Fernández, quen incide en que “estas actuacións son fundamentais para mellorar servizos e favorecer a calidade de vida nas parroquias”.

Cometidas xa executadas e colaboración ca asociación veciñal

A actuación desenvolveuse en coordinación coa Asociación de Veciños e Veciñas San Miguel de Lamela, que colaborou co Concello na detección das necesidades da parroquia e facilitou a relación das familias interesadas en conectarse á nova rede. As acometidas destas vivendas xa quedaron executadas, polo que agora as persoas interesadas só teñen que acudir ao Concello para formalizar a alta e solicitar a instalación do contador. No caso de que opten por instalalo pola súa conta, deberán solicitar posteriormente ao servizo municipal o precintado dos racores.