O Concello de Silleda pon en valor a sobreira de Siador

-Nas últimas semanas colocáronse os paneis indicativos e o taboleiro informativo xunto a este fastuoso exemplar, unha árbore senlleira de Galicia dende o ano 2009

Silleda, 17 de agosto  de 2021.  O Concello de Silleda vén de poñer en valor da Sobreira de Siador,  ao abeiro da orde da Consellería do Medio Ambiente, publicada o pasado mes de decembro pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para a consevación, protección e melloras das árbores e formacións incluídas no Catálogo galego de árbores senlleiras, do que forma parte este exemplar dende o ano 2009.

A proposta incluíu dotación de varias sinais direccionais para chegar ata o lugar de Penadagra (no cruce xunto ás Pedrosas e no que vai dende a PO-201 ata o citado lugar) así como un panel informativo cas características desta árbore senlleira.

A sobreira de Siador, con máis de 500 anos de antigüidade, foi incluida pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza en xullo do ano 2009 no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, da Consellería de Medio Ambiente.

Esta distinción, coa protección e significado que conleva, supuxo un fito a nivel municipal e comarcal, ao recoñecerse a importancia deste exemplar de gran porte e cunha enorme significación histórica e cultural en Silleda.

Aínda que situada nunha parcela privada, propiedade de D. Manuel López Rivas, a zona onde se situa a sobreira foi acondicionada pouco antes da súa inclusión no catálogo, de acordo coa familia propietaria, co adencetamento da mesma, e a colocación dun peche de madeira, así coma dous pequenos paneis informativos no que se da conta das características e singularidades desta árbore.

Este fastuoso exemplar de Quercus Suber L. é todo un símbolo para a veciñanza de Silleda, sendo testigo do devir histórico da localidade e a día de hoxe a única árbore senlleira do municipio que figura no catálogo da Xunta de Galicia.

Con esta  proposta, e tamén de acordo coa familia propietaria da parcela, búscase continuar poñendo en valor esta árbore, que cunta cun diámetro (a 1,30 metros de altura) de 2,7 metros, unha distancia de copa de 30 metros e un perímetro de 8 metros.

A sobreira de Siador, ubicada tamén preto do recinto do santuario saletino, (onde tamén se colocou unha sinal direccional)  foi ademais protagonista en varias ocasións da celebración do Día Mundial da Árbore.