O Concello de Silleda pon en valor os elementos arqueolóxicos e etnográficos na zona de Laro

Silleda, 20 de febreiro de 2020.  O Concello de Silleda, a través do departamento de Cultura e Turismo, que dirixe Mónica González, continúr poñendo en valor os elementos arqueolóxicos e etnográficos da zona sur do municipio.

Despois da posta en valor do roteiro arqueolóxico da zona de Laro, Oleiros e Siador, está xa listo o proxecto complementario para sinalizar elementos na parroquia de Laro, coma o Camiño Real ou dos Arrieiros, o Castro de Laro, as mámoas da Carballosa, e diferentes bens inmobles con recoñecido histórico e antropolóxico.

“Esta iniciativa xurdiu a proposta da Asociación de Veciños de Laro para continuar complementando as actuacións levadas a cabo nos últimos anos, tanto na posta en valor do roteiro arqueolóxico desta zona como a renovación da ruta da Auga de Parada, que se acometeu o pasado verán”, engade a concelleira.

Deste xeito, o pasado ano solicitouse unha nova axuda á Deputación, ao abeiro da liña de subvencións para a rehabilitación e a sinalización do patrimonio histórico-cultural. Con esta actuación preténdese potenciar a colaboración coas asociacións do rural, potenciando unha ferramenta útil para os veciños que desexen afondar nos principais recursos culturais materiais e inmateriais do territorio, así como coñecer, protexer e difundir o noso patrimonio arqueolóxico por medio dun roteiro existente e que se enriquece con nova sinalización física.

Ademais da xeolocalización de elementos, tamén se pon en valor como elemento de patrimonio inmaterial a Romaría da Tortilla de Laro, declarada de Interese Turístico, cun panel nas inmediacións da carballeira de Castro, onde se celebra cada primeiro venres de agosto.

O investimento nesta actuación foi de  de 6.316 euros, IVE incluído.