O documento servirá como guía no fomento da participación e colaboración da veciñanza tanto en actividades da entidade local como das distintas asociacións
Crearase unha bolsa de persoas voluntarias que poderán colaborar en distintos ámbitos e fomentarase o concepto de cidadanía activa, en consonancia cos obxectivos da Axenda 2030
O Concello de Silleda vén de lanzar o que será o primeiro Plan Municipal de Voluntariado, un documento que busca ser un referente para a colaboración altruísta mantendo tamén canles de comunicación coas entidades sociais e coas persoas interesadas en realizar actividades de xeito voluntario.
Esta proposta xorde tendo en conta que o Concello de Silleda conta nos últimos anos con persoas que xa veñen desenvolvendo tarefas de xeito voluntario en distintos ámbitos (benestar social, programa Silleda Solidaria, actividades deportivas…) e a aparición de programas, como o da xestión de colonias felinas, nos que a participación voluntaria é esencial para o seu desenvolvemento, e no que a día de hoxe xa hai varias persoas inscritas.
“É un plan transversal, con actuacións dende os distintos departamentos, que sentará as bases para regularizar o labor voluntario de veciños e veciñas e das entidades sociais”, sinala a alcaldesa, Paula Fernández, que lembra ademais que a Axenda 2030 que se está a implementar en Silleda recoñece na acción voluntaria un “instrumento fundamental para incrementar a participación cívica, a inclusión social e a solidariedade”.
Concienciación e formación
Así mesmo, o plan servirá para concienciar a cidadanía da importancia de colaborar en accións de voluntariado, ademais de delimitar tanto as liñas de actuación como os seus eixos principais, que se centran na sensibilización, promoción, coordinación e formación no ámbito da acción voluntaria.
O plan establece en cada un destes eixos básicos os seus obxectivos e as medidas que se implementarán, así como as distintas áreas de actuación, entre as que figuran o voluntariado social, ambiental, cultural, deportivo, educativo, socio-sanitario ou de lecer e tempo libre, entre outros.
Tamén se define o concepto de acción voluntaria, o papel da Administración local, tendo en conta as distintas normativas tanto estatais como autonómicas, e os dereitos e deberes das persoas voluntarias, entre outras.
Todas as persoas que desexen ser voluntarias no ámbito municipal de Silleda, colaborando en actividades tanto municipais como organizadas por outras entidades ou asociacións, deberán de cubrir unha ficha de inscrición e pasarán a formar parte da bolsa de voluntariado.
“Con esta iniciativa tamén poderemos poñer en contacto ás distintas asociacións que o soliciten coas persoas que desexen actuar a través deste programa”, sinala a alcaldesa.
Ademais da formación, tamén será esencial o labor de difusión, polo que dende o Concello se promoverá unha campaña de divulgación sobre o plan, fomentando a participación cidadá neste ámbito. Neste censo, o pasado mes de marzo, xa se levaron a cabo sesións informativas sobre as vantaxes do voluntariado nos dous centros de ensino de Secundaria do municipio.
O plan, que se poderá consultar tamén na web municipal, será un documento vivo, podendo incorporar novas propostas de mellora. Tamén se prevén actividades de concienciación e sensibilización e unha avaliación continua do mesmo.