O Concello de Silleda porá en marcha o programa piloto de compostaxe doméstica nas parroquias de Ansemil-Martixe, Breixa e Carboeiro

Silleda, 10 de decembro de 2019.  O Concello de Silleda, a través do departamento municipal de Medio Ambiente, que dirixe Klaus Brey, poñerá en marcha nas vindeiras semanas un programa de compostaxe doméstica. Esta iniciativa, que recibiu o visto bo do Ministerio para a Transición Ecolóxica, a través do Plan Estatal Marco de Gestión de Residuos (PEMAR), poñerase en marcha no entorno rural, nas parroquias de Ansemil-Martixe, Breixa e Carboeiro, coa participación estimada dun centenar de vivendas.

O alcalde, Manuel Cuiña, xunto co concelleiro de Medio Ambiente, Klaus Brey, e a concelleira Móninca González, mantiveron onte luns unha xuntanza con representantes dos colectivos veciñais para presentalle a proposta.

“Será un proxecto piloto que iniciaremos xa en xaneiro e co que teremos resultados para poder ampliar ao resto do municipio”, explica Cuiña.  O Concello de Silleda recibiu unha subvención de 13.280 euros, -que corresponde ao 80% do total do proxecto, cun investimento de 20.086 euros, a través do programa PEMAR, para poñer en práctica a compostaxe nun entorno rural.

Este programa sumarase a campaña de información, e sensibilización sobre os beneficios da compostaxe de materia orgánica que se veu realizando nos últimos anos, con iniciativas coma o Plan Revitaliza, da Deputación de Pontevedra, ou a iniciada en 2015 co reparto de composteiros individuais a través de Sogama.

“Con este programa buscamos mellorar a reducción da fracción orgánica mediante a implantación dun proxecto piloto de xestión en distintas zonas do rural”, engade o alcalde.

Sesión formativa e reparto de composteiros

Nos vindeiros días os veciños destas tres parroquias recibirán información para sumarse ao programa. Tamén se establecerá unha xornada formativa para os participantes, na que o personal técnico que supervisará o proxecto explicará como se debe de facer correctamente o compost.

Ademais do reparto dos composteiros, os participantes tamén disporán dunha trituradora comunitaria para obter estructurante cos restos de poda que subministrará o Concello de Silleda.

Unha vez realizada a sesión formativa, procederase ao reparto dos composteiros, nos que se estima que se poderán valorizar –tendo en conta os parámetros establecidos polo programa para chegar a unha poboación de 300 habitantes- en torno a 54.750 kilos anuais de residuos.

O programa inclue a formación dos participantes, sesións en centros educativos, obradoiros práticos, e tamén a elaboración dun Manual de Boas Práticas de Compostaxe Doméstica no Concello de Silleda.

O alcalde, Manuel Cuiña, agradece a boa disposición dos veciños da zona para acoller este programa, “que de fructificar con nos resultados, pensaremos en ampliar a outras zonas do municipio”, engade.

Silleda foi un dos 11 municipios de toda Galicia que recibiu as axudas a través do citado PEMAR 2019, xunto cos concellos de Fisterra, Soutomaior, A Coruña, Ames, Moaña, Lugo, Vimianzo, A Pobra, Antas de Ulla e  Sanxenxo.