O Concello de Silleda promove o sistema de calidade turística en destinos

Silleda, 22 de abril de 2017. O Concello de Silleda busca dar a coñecer o chamado SICTED, Sistema Integral de Calidade Turística e de Destinos  na zona.

Esta ferramenta -promovida pola Secretaría do Estado de Turismo e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP)- traballa con empresas e servizos de ata 29 oficios diferentes, influindo na experiencia e satisfacción do turista que visita o destino.

“Dende a Concellería de Turismo puxémonos en contacto co Patronato Rías Baixas, que se encargará de facer a convocatoria, para difundir as vantaxes deste sistema entre o noso tecido empresarial”, explica a concelleira Ana Luisa González. Así, o vindeiro día 3 de maio ás 11:30 horas celebrarase na Casa da Cultura de Silleda  unha sesión para todas aquelas persoas interesadas nesta ferramenta de calidade turística totalmente gratuíta.

O SICTED permite ás empesas adheridas mellorar a xestión interna, incrementar a súa cualificación (mediante un ciclo formativo); recibir asistencia técnica e participar a nivel nacional nun proxecto de calidade turística ao que xa se sumaron preto de 6.000 entidades.

Nesta iniciativa participan dende axencias de viaxes e outras empresas relacionadas co sector turístico ata comercios, artesáns, bares e cafeterías, emprsas de transporte, museos, servizos de limpeza, taxis…

Silleda é xa un destino adherido ao SICTED que figura inscrito a través de Rías Baixas. “Con esta invitación  queremos que as empresas, hostaleiros, comerciantes… e todos os interesados poidan sumarse e lograr maiores vantaxes, xa que o turismo, tal e como puidemos ver recentemente coas cifras de visitas dos nosos principais reclamos turísticos, é unha fonte a ter en conta e a potenciar”, engade Ana Luisa González.