O Concello de Silleda proxecta a dotación de peche lateral para as pistas de pádel de O Castro

Silleda,  29 de xaneiro de 2016.  O Concello de Silleda vén de realizar un proxecto para continuar coa mellora do recinto deportivo municipal de O Castro, onde se ubica unha cancha de tenis e outras dúas de pádel.

Logo de dotar o pasado ano de cuberta as dúas pistas de pádel, a través dunha liña de subvención autonómica para mellorar este tipo de instalacións, o goberno municipal volve a acollerse a esta orde para completar a actuación realizada.

Así, o Concello de Silleda presenta un proxecto cun orzamento de 40.000 euros (IVE incluído) que optará de novo ás axudas para a Mellora de infraestruturas, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais. A cantidade solicitada ronda os 33.000 euros e o resto, en caso de outorgarse financiaríase con cargo a fondos municipais.

“Cremos que se trata dunha actuación necesaria para rematar os traballos que iniciamos nestas dependencias deportivas, cada vez máis utilizadas polo público”, sinala o alcalde, Manuel Cuiña.

O proxecto contempla o peche lateral das dúas pistas, cun muro de fábrica de bloque prefabricado de formigón armado, ata unha altura de 3,40 metros e a continuación unha placa de polipropileno polas fachadas este, oeste e norte, de 1,40 metros. Finalmente, prevese a colocación dunha plancha de aceiro prelacado.

“Esta obra virá a completar o listado de actuacións de mellora en distintas infraestruturas deportivas que se veñen acometendo nos últimos anos”, destaca Cuiña.

Proxecto das sendas e carril bici

Por outra banda, o goberno municipal está a traballar xa na confección dun proxecto para ampliar as beirarrúas dende a avenida da Estación ata as pistas deportivas de O Castro, unha dotación que prevé tamén incluir carril bici “para facilitar precisamente o acceso a este recinto deportivo e completar tamén o circuito peonil xunto coa zona de Vilanova, a estrada nacional e a rúa da Estación”, engade o alcalde.

Esta será unha das inversións municipais con cargo ao orzamento de 2016 nas que se aposta por mellorar servizos e infraestruturas.