O Concello de Silleda, a través do departamento de Educación, que dirixe Ángela Troitiño, volve asesorar nas inscricións para os cursos de Competencias Clave, para as que se acaba de abrir a convocatoria de exame nivel 2 e 3.
As probas avalían a comunicación en lingua galega, en lingua castelá, en lingua estranxeira (inglés) e a competencia matemática. Poderán presentarse maiores de 16 anos (que os teñan feitos a 31 de decembro do ano natural no que se realizan as probas) e non estar en posesión de ningún dos requisitos establecidos para o acceso á formación dos certificados profesionais.
O prazo para inscribirse é de un mes (abre mañá día 15 de xaneiro) e todas as persoas que o desexen poden achegarse ata o departamento de Educación onde a través da Educadora Social se prestará orientación e asesoramento para o trámite da inscrición.
Previsiblemente coñeceranse o lugar, data e hora da realización das probas na segunda quincena de maio a través da web da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.