O Concello de Silleda realizou obras de mellora no Centro Social da Bandeira, que agora conta cun local duns 200 metros cadrados

Silleda, 26 de febreiro de 2015. O Concello de Silleda vén de realizar obras de mellora no Centro Social da Bandeira, onde se instalou un tabique móbil que permitirá ampliar os usos do edificio.

A eliminación da parede que separaba ata agora as dúas salas de usos múltiples era unha vella demanda dos usuarios deste centro, á que se lle deu cumprimento con esta actuación.

Logo de tirar esa división, colocouse un tabique móbil de madeira, o que permitirá contar con un espazo polivalente, con unha ou dúas salas, en función das necesidades.

“Con esta mellora ampliarase a funcionalidade destes espazos”, explica o alcalde, Manuel Cuiña, que hoxe visitou o centro xunto coa concelleira de Participación Cidadá, Pilar Peón.

“Co uso do tabique móbil Silleda contará cun novo espazo duns 200 metros cadrados para a celebración de actividades”, indica Cuiña.

A nova dotación vén a mellorar estas instalacións municipais situadas na vila da Bandeira, e moi utilizadas polos veciños.

Estrea na festa de mañá

A estrea dos locais unidos terá lugar na xornada de mañá, coa sesión, en horario de 18.00 a 21.00 horas, da Festa de Namorar, á que asistirán máis de cen persoas. “A celebración será este ano moito máis cómoda ao contar con este novo recinto os usuarios”, explica o alcalde.