O Concello de Silleda reanuda as reunións cos veciños con dous encontros en Silleda e Bandeira

-As citas terán lugar o vindeiro mércores 13 e xoves 14 de xullo

Silleda, 30 de xuño de 2016.  As reunións que se viñan mantendo dende o Concello de Silleda cos veciños das distintas parroquias antes das eleccións, reanudaranse nas vindeiras semanas con dúas convocatorias xa fixadas para os días 13 e 14 de xullo.

No caso do mércores 13 de xullo, a xuntanza celebrarase ás 21.30 horas no Auditorio Manuel Dopazo de A Bandeira, e ao día seguinte, xoves, 14 de xullo, terá lugar no Auditorio da Semana Verde á mesma hora.

A estas dúas reunións estase a convocar a todos os veciños do concello, mediante unha carta enviada ás vivendas do municipio.

O tema a tratar será o do traslado das oficinas municipais á Casa de Cultura, para o cal se lle explicará a todos os presentes as modificacións a realizar no edificio, co fin de albergar todos os servizos que se prestan a día de hoxe tanto no edificio consistorial, coma en urbanismo ou en servizos sociais.

Dado que nestes tempos de verán os traballos no rural ocupan moitas horas do día, será a partires do mes de setembro cando se reanuden estas reunións polas parroquias que quedan pendentes, para expoñer todos os asuntos importantes que se están a tratar dende o concello.