O Concello de Silleda recibe unha axuda da Xunta para mellorar a Praia Fluvial das Xuntas, en Cira

O Concello de Silleda vén de recibr unha subvención da Xunta de Galicia por importe de 14.999 euros para executar actuacións de conservación, mantemento e mellora ambiental na Praia Fluvial das Xuntas, situada no lugar de Furcarelos, na parroquia de Cira.

A actuación desenvolverase ao abeiro das axudas para investimentos vinculados á conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural, así como á sensibilización ecolóxica, en espazos da Rede Natura 2000, parques naturais e reservas da biosfera de Galicia. Esta convocatoria está cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Plan Estatréxico da PAC 2023 – 2027.

A Praia Fluvial das Xuntas sitúase dentro da Zona Especial de Conservación Sistema Fluvial Ulla – Deza, integrada na Rede Natura 2000, nunha contorna de grande valor ambiental e paisaxístico marcada pola confluencia dos ríos Deza e Ulla. O proxecto tec como finalidade favorecer a conservación dos valores naturais do espazo fluvial e garantir un uso público ordenado e compatible coa protección do medio natural.

As obras previstas inclúen o tratamento e conservación dos elementos de madeira existentes, como mesas, bancos e valado; a reposición das pezas deterioradas dos bancos; a conservación do valado de madeira; a substitución dun panel interpretativo actualmente deteriorado; e a plantación puntual de vexetación autóctona propia dos bosques de ribeira.

O ámbito de intervención  corresponde fundamentalmente á zona de pradería e estancia situada xunto á marxe do río Deza, onde se localizan os distintos elementos de uso público existentes. As actuacións teñen carácter puntual e limitado, centradas na conservación e restauración dos elementos xa existentes, sen modificar a topografía nin realizar movementos de terra significativos.

Con esta intervención, o Concello busca mellorar a integración paisaxística do espazo, reforzar a presenza de vexetación autóctona, promover un uso público ordenado e incrementar a información ambiental dispoñible para as persoas visitantes. A reposición do panel interpretativo permitirá tamén divulgar os valores naturais do Sistema Fluvial Ulla – Deza e da Rede Natura 2000.

Dende o goberno municipal destacan que esta actuación permitirá seguir poñendo en valor un dos espazos naturais máis singulares da parroquia de Cira, moi utilizado pola veciñanza como lugar de encontro, descanso e lecer, ao tempo que se reforza o compromiso coa conservación da biodiversidade e coa protección dos espazos naturais do municipio.

A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, destaca que esta actuación “permitirá seguir coidando e poñendo en valor un dos espazos naturais máis fermosos e singulares do municipio, moi querido pola veciñanza de Cira e tamén por moitas persoas que se achegan a esta zona para gozar da contorna dos ríos Deza e Ulla”.

Fernández subliña que a intervención “responde a unha dobre finalidade: mellorar as condicións de uso público da praia fluvial e, ao mesmo tempo, reforzar a conservación dun enclave ambientalmente sensible, integrado na Rede Natura 2000”. “Falamos dun espazo que require actuacións respectuosas, puntuais e ben planificadas, porque o obxectivo é conservar, recuperar e divulgar os seus valores naturais”, engade.

O ámbito de intervención corresponde fundamentalmente á zona de pradería e estancia situada xunto á marxe do río Deza, onde se localizan os distintos elementos de uso público existentes. As actuacións teñen carácter puntual e limitado, centradas na conservación e restauración dos elementos xa existentes, sen modificar a topografía nin realizar movementos de terra significativos.

Con esta intervención, o Concello busca mellorar a integración paisaxística do espazo, reforzar a presenza de vexetación autóctona, promover un uso público ordenado e incrementar a información ambiental dispoñible para as persoas visitantes. A reposición do panel interpretativo permitirá tamén divulgar os valores naturais do Sistema Fluvial Ulla-Deza e da Rede Natura 2000.

A rexedora incide ademais na importancia de continuar captando fondos doutras administracións para mellorar o patrimonio natural e os espazos públicos do municipio. “Estas axudas permítennos acometer actuacións necesarias en enclaves de gran valor, compatibilizando o desfrute da veciñanza coa protección da biodiversidade e coa posta en valor do noso territorio”, sinala.