O Concello de Silleda recomenda á veciñanza facer a compra on line ou a domicilio a través dos taxis, para reducir as aglomeracións nos supermercados

Silleda, 2 de abril de 2020.  O Concello de Silleda, co ánimo de previr contaxios de COVID-19 entre a poboación e reducir ainda máis a mobilidade, recomenda á  cidadanía facer a compra a domicilio.

“Estamos a ver como nos supermercados hai unha inxente cantidade de persoas, o que provoca que incluso ás veces estes establecementos teñan que contactar  coa Policía para poñer orden”, indica o alcalde, Manuel Cuiña. Tamén se ten constatado que os establecementos están facendo un grande esforzo co servizo a domicilio.

Conscientes desta situación, dende o Concello de Silleda recomenda á veciñanza facer a compra a domicilio, con pedidos  a través dos taxistas (no caso de non poder facela on-line).

O alcalde, Manuel Cuiña, xa se puxo en contacto co representante do sector en Silleda para lanzar esta proposta, que tamén é unha forma de axudar ao gremio, ademais de previr contaxios, e alixeirar a carga que soportan estes días os supermercados e os seus traballadores e traballadoras

“Facemos este chamamento a realizar a compra desta maneira, que xa están a utilizar algúns veciños e veciñas, porque consideramos que axudaremos a reducir a presenza de xente nos supermercados, algo que nos preocupa a día de hoxe porque é un dos lugares onde máis xente se está concentrando, e por outro lado tamén constitúe unha axuda ao sector dos taxistas”, engade.

Así mesmo, dende o Concello faise un chamamento á poboación para que evite, na medida do posible, ir con frecuencia aos supermercados. Para as familias usuarias do banco de alimentos, ou persoas maiores que vivan solas e precisen tanto alimetnos como medicinas, o propio departamento de Benestar Social se encargará nos casos en que sexa necesario levar a compra a domicilio.

Chamamento á responsabilidade

Manuel Cuiña fai ademais un chamamento á responsabilidade da veciñanza xa que se teñen detectado nos últimos días casos de persoas “que acudiron ata 4 veces no mesmo día ao supermercado, algo que non se pode permitir e que de poder constatarse será sancionable”, engade explicando que a Polícia Local e a Garda Civil xa están a facer labores de vixiancia neste sentido.

Desinfección nos exteriores de industrias

Por outra banda, e aproveitando as labores de desinfección diaria que se levan a cabo dende hai días en rúas e espazos públicos, o Concello de Silleda pon a disposición das empresas que estén a traballar estes días como servicio esencial, a posibilidade de desinfectar tamén os seus recintos exteriores. Neste caso, por tratarse de entidades privadas, terían que sufragar o material empregado.

“Os que queiran que se lles realice esta labor ca máquina atomizadora que nos cederon, deben poñerse en contacto co Concello”, indica o alcalde.

En Silleda, a día de hoxe só hai un caso constatado oficialmente. “Temos que seguir nesta liña, previndo os posibles contaxios en todos os frentes, de ahí iniciativas coma esta para evitar a concentración da xente en lugares coma os supermercados”, sinala o alcalde.