O Concello de Silleda rehabilitará a canle, lavadoiro e pozo de Fontemaior, en Cortegada

– A través de fondos da Deputación de Pontevedra para a rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico-cultural , o Concello de Silleda levará a cabo un proxecto de mellora do conxunto etnográfico sito no lugar do Barral cun investimento de case 10.000 euros.

Silleda, 21 de outubro de 2023. O Concello de Silleda, ao abeiro da liña de subvencións da Deputación de Pontevedra para a rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico-cultural, arranxará o conxunto formado pola canle, lavadoiro e pozo de Fontemaior, un conxunto ubicado no lugar do Barral, na parroquia de Cortegada. Esta actuación suporá unha inversión de 9.579,57 euros.

A proposta de mellora baséase na restauración, conservación, sinalización e instalación dun panel informativo sobre o lavadoiro e pozo de Fontemaior, bens inmobles de gran valor etnográficos. Tamén se inclúe o acondicionamento da mina onde nace a auga que discorrerá pola canle.

Antes de realizar os traballos de roza e limpeza, levarase a cabo a diagnose do estado destes bens e a recompilación de información. Á hora de limpar tratarase de intervir o mínimo posible para non danar o terreo e utilizar ferramentas e tratamentos adecuados ás necesidades do lugar.

Durante a restauración búscase manter as características, estrutura e materiais que forman estes bens inmobles, respectando o máximo posible os elementos orixinais e a contorna. Ademais do lavadoiro e a canle, neste lugar atópase un pozo de pedra con singulares características que se limpará para amosar a súa estrutura.

Con este proxecto de mellora, estes bens inmobles de Fontemaior quedan protexidos, ademais de dar a coñecer este patrimonio de gran valor cultural, histórico e etnográfico.

As obras levaranse a cabo a través dun contrato menor que está en proceso de licitación. “Con esta iniciativa continuamos recuperando elementos etnográficos de gran valor no noso rural”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.