O Concello de Silleda reitera ante Fomento, a Xunta e a Deputación a necesidade de desbrozar no marxe dos viais autonómicos

-Aínda que todas as vías presentan grandes necesidades, preocupa en especial o tramo da N-525, ao seu paso por Lamela, onde a maleza xa cubre as sinais indicativas e invade as beirarrúas

Silleda, 21 de xuño de 2016. O Concello de Silleda ven de reiterar a petición ás tres entidades con titularidade de viais no municipio para que comecen os traballos de limpeza nas estradas que discorren polo mesmo.

No día de hoxe enviouse dende a entidade local unha segunda petición tanto á Xunta de Galicia, coma a Fomento e á Deputación, para que comecen o desbrozado das beirarrúas o antes posible, xa que existen zonas nas que a herba está tan alta, que mesmo cubre sináis de tráfico e invade as aceras, co perigo que isto supón para o tráfico, tanto rodado coma pedestre.

O alcalde, Manuel Cuiña, lembra que todos  os anos, antes da chegada do verán “se remiten as correspondentes peticións ás distintas Administracións supramunicipais para que colaboren coa limpeza de vías e infraestruturas da súa titularidade”. Este ano xa se fixo a primeira petición a primeiros de mes, pero dada a cantidade de maleza que presentan os viais, debido ás condicións climatolóxicas de este ano, e á problemática que isto supón, optouse por reiterar a petición solicitando que comecen os traballos coa maior brevidade posible.

O alcalde agarda que as entidades supramunicipais actúen no menor prazo de tempo posible, “para limpar e despexar os tramos de vías como é debido”.