O Concello de Silleda remata a mellora da fonte de Escuadro, realizada a petición da veciñanza

 

Silleda, 1 de xullo de 2026. O Concello de Silleda vén de rematar os traballos de mellora da fonte de Escuadro, unha actuación realizada a petición da veciñanza e executada con persoal municipal, que permitiu dignificar e poñer en valor este espazo tradicional da parroquia.

A alcaldesa, Paula Fernández, visitou hoxe a zona para comprobar o resultado dos traballos, que incluíron a realización dun solado en pedra, a creación dunha zona axardinada cun banco  e a plantación dunha cerdeira, convertendo a contorna da fonte nun espazo máis coidado, accesible e agradable para o uso veciñal.

A actuación completouse coa colocación dunha nova placa conmemorativa, na que se lembra que a fonte foi construída no ano 1952 e reformada no ano 2026 a petición da veciñanza de Escuadro, á que o Concello agradece a súa colaboración e implicación para facer posible esta mellora.

A instalación desta nova placa permite tamén dar cumprimento á Lei de Memoria Democrática, xa que substitúe a anterior placa existente, datada tamén en 1952, correspondente á actuación realizada pola antiga Junta de Ayuda a Municipios —JAM— e que incluía a simboloxía do xugo e as frechas.

Outro dos aspectos destacados da intervención é o seu carácter de economía circular, xa que a  pedra empregada no novo solado procede da contorna da Praza da Igrexa de Silleda, onde foi retirada no marco das obras que se están a executar nese ámbito, dándolle así un novo uso nun espazo público da parroquia de Escuadro.

A alcaldesa, Paula Fernández, destacou que esta actuación “é un bo exemplo de como pequenas intervencións poden ter un gran valor para a veciñanza, porque permiten recuperar espazos de encontro, coidar o patrimonio das parroquias e mellorar a súa contorna”.

Fernández puxo tamén en valor a colaboración veciñal, sinalando que “foron os propios veciños e veciñas quen trasladaron esta demanda, e dende o Concello quixemos atendela cunha actuación sinxela pero moi coidada, realizada con medios municipais e aproveitando materiais que puideron ter unha segunda vida”.